Fátima Rodríguez | “Moitas persoas con psoríase sofren depresión”
A delegada da asociación Acción Psoriasis en Galicia participará este xoves na xornada ‘Mira más allá de mi piel’ xunto ao Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña

Existen moitos prexuízos sobre a psoríase: que se se contaxia, que se é só un problema de pel... Son mensaxes que terminan por calar nos doentes desta enfermidade e que afectan profundamente a súa saúde mental. Para reivindicar esta realidade e que se escoiten as experiencias dos afectados, Acción Psoriasis e o Colexio de Farmacéuticos da Coruña (COFC) celebran este xoves, día mundial desta patoloxía, unha xornada que reúne a doentes, profesionais e representantes institucionais baixo o lema ‘Mira más allá de mi piel’. No acto, que será ás 18.00 horas no salón da delegación da ONCE na Coruña, participará Fátima Rodríguez, delegada da asociación en Galicia.
Fáleme do seu caso.
A min diagnosticáronme cando era un bebe. Foi nunha revisión pediátrica, ao mes de nacer ou así. Tiña a zona do pañal irritada e ao principio pensaron nunha alerxia ao pañal. Pensa que estamos falando do ano 81. Pero xa nunha segunda cita, o propio pediatra xa confirmou o diagnóstico. Fun o primeiro caso na miña familia.
Como foi crecer con psoríase?
Botando a vista atrás, houbo momentos complicados: tratamentos que non funcionan, brotes que non se dominan, xente que mira demasiado mal... Ao final, con actitude agora podo dicir que é un diagnóstico que integrei na miña vida, como unha característica máis, como a cor dos ollos, o pelo...
No ano 81, había moito estigma. Segue ocorrendo?
A diferenza antes dos 2000 e despois é moi grande. Antes considerábase como un problema de pel sen maiores repercusións e nese momento os tratamentos eran tópicos. Dábanche as típicas cremas de corticoides, aínda sendo pequena. Hoxe en día xa se sabe que aos menores, sobre todo aos bebés, non se lle poden dar estas cremas.
Como foi a evolución do tratamento?
Nestes máis de 40 anos, a evolución é brutal. A partir dos 2000, os fármacos biolóxicos foron un cambio radical. Pero a evolución non foi só nos tratamentos, senón en como se considera. Foise descubrindo que era unha enfermidade autoinmune, con comorbilidades, que pode ter máis indicacións e que está ligada a outro tipo de patoloxías.
A xente séguea vendo só como un problema estético?
Si, hai moito traballo para que a xente asuma que isto vai máis alá da pel. Non é un tema estético, de botar unha crema e xa.
Ata que punto condiciona a vida dunha persoa?
Dependo do tipo de tratamento. Se falamos dun tópico, a min de media lévame 45 minutos máis que outra persoa prepararme. Tes que utilizar determinados produtos e hidratar moito a pel. E se estás cun tratamento sistémico de pastillas, pode xerar unha serie de efectos secundarios. Por exemplo, a min o que me provocaba eran subidas de tensión. Despois, visitas médicas, probas... Eu estou indo cada tres meses ao hospital, pero tiven unha época de ir todos os meses. Conciliar iso cunha vida laboral é complicado.
Que custo ten para o peto?
Nunca fixen a conta, pero hai moitas cousas que non están financiadas, como xeles de baño, que poden ir aos 10 ou 12 euros, champús, hidratantes.... Tamén a roupa. As sábanas 100% algodón son bastante máis caras.
Como afecta á saúde mental?
Moitas persoas con psoríase sofren ansiedade ou depresión. Por unha parte está o rexeitamento que che xera o diagnóstico e, por outra, o do teu propio corpo. É unha enfermidade moi molesta. Cando tes un brote grande, e ves que a túa pel se cae... Ou cando te levantas pola mañá, e ver sangue na cama ou na camiseta... A psoríase é moi dolorosa, non só polas lesións, senón tamén as articulacións. Todo isto provoca rexeitamento, sobre todo na idade da adolescencia ou da primeira xuventude.














