Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Deportes

O Estrela Vermelha cae na final Supercopa de fútbol gaélico

O Keltoi suma o triplete da tempada tras vencer ao equipo compostelán, mentres que o Auriense impúxose ao Turonia Gondomar

Keltoi campión Supercopa fútbol gaélico masculina
Keltoi, equipo campión da Supercopa fútbol gaélico masculina
Cedida

O Campo da Universidade de Ourense acollía o pasado sábado a celebración da Supercopa de fútbol gaélico masculina e feminina, organizadas pola Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG). Os vencedores foron Keltoi e Auriense.

A final masculina xogábase primeiro e remataba cun marcador de 2-21 (27) para o equipo vigués do Keltoi e 1-18 (21) para o Estrela Vermelha de Compostela. Deste xeito o Keltoi fai triplete na tempada 2024-25 dado que foi campión de Liga, Copa e agora Supercopa.

Xustamente o adestrador do Keltoi, Julio Docampo, salientaba ese dato e amosaba a súa felicidade por sumar un terceiro título. “A verdade é que no Keltoi estamos moi ledos. Primeiro por poder darlle visibilidade a este deporte, que eu penso que é o máis importante. Canta máis xente nos coñece, seguro que hai máis xente que se achega a probar. E segundo, porque é o terceiro título que gañamos. Gañamos o ano pasado a Liga e maila Copa. Este ano empezamos ben gañando a Supercopa. Novamente contra do Estrela Vermelha como na final da Copa. Estamos moi ledos”.

Pola súa banda, Rober Casas , adestrador do Estrela Vermelha, achegaba a súa visión da final da Supercopa: “Foi un partido competido. Máis alá do resultado, sacamos conclusión positivas tendo en conta as circunstancias, o momento da tempada no que estamos, as baixas moi importantes que tiñamos, nomeadamente en defensa, as circunstancias que se foron dando tamén durante o partido (estivemos 10 minutos cun xogador menos por unha expulsión), e aínda así fomos quen de minimizar danos. Tendo en conta todo isto, tiramos conclusións positivas. Malia derrota, que sempre preferiríamos ter gañado, pero ímonos con boas sensacións a nivel actitude dos xogadores de cara a seguir traballando para seguir pelexando polo menos por todos os títulos que é o que pensamos que ten que seguir facendo o Estrela Vermelha”.

Auriense campión Supercopa fútbol gaélico feminina
Auriense, equipo campión da Supercopa fútbol gaélico feminina
Cedida

"Somos un equipo que traballa duro"

No caso da final da Supercopa feminina o conxunto ourensá, o Auriense, vencía por un tanteo de 6-19 (38) ao Turonia Gondomar que anotaba 5-11 (26). O Auriense fora campión de Copa e subcampión de Liga e súmalle agora ao seu palmarés a Supercopa da tempada que remata.

O adestrador do AurienseSanti Rodríguez, declaraba logo de vencer na final da Supercopa que había “pouco que dicir. O xeito de entrar ao campo e de xogar reflicte o que somos: un equipo que traballa duro e que sempre quere máis. Un equipo no que todas bogan xuntas na mesma dirección. Un conxunto que non teme a ningún rival. Esta Supercopa ten sido unha proba máis de que, se facemos as cousas ben, os resultados rematan por chegar”

Desde o banco rival, Juan Fernández, adestrador do conxunto de Gondomar, explicaba tras a disputa da Supercopa: “Desde Turonia aceptamos o convite á Supercopa como unha boa oportunidade para testarnos antes do inicio da tempada 2025-2026. Actualmente o noso equipo está en pleno proceso de restauración. Temos varias xogadoras novas. Neste encontro tres delas fixeron o seu debut. Foi para elas o seu primeiro partido de fútbol gaélico”.

Auriense e Lorchas vencen no Torneo de Apertura

A maiores, tal e como estaba previsto, celebrouse o Torneo de Apertura no mesmo escenario, o Campo da Universidade de Ourense. Unha competición de carácter amigable, na que estaban convidados a participar o resto de equipos que competirán na Liga. Na categoría masculina gañou o Auriense e na feminina as Lorchas.