Rosa Aneiros presentará o audiolibro de ‘A noite das cebolas’ nun encontro con usuarios de Dano Cerebral Santiago
A iniciativa celebrarase este mércores 4 de novembro na sede da asociación e busca achegar a literatura ás persoas con dano cerebral e contribuír a eliminar as barreiras de acceso á cultura

A escritora Rosa Aneiros presentará este mércores 4 de novembro, ás 10.30 h. da mañá, o audiolibro 'A noite das cebolas' nun encontro con persoas usuarias da asociación Dano Cerebral Santiago de Compostela. O acto terá lugar na propia sede da Asociación, nunha iniciativa que pon o foco na necesidade de eliminar as barreiras que poden dificultar o acceso á cultura.
No encontro participarán Luciano Fernández Pintor, presidente da asociación Dano Cerebral Santiago de Compostela; Fran Alonso, director de Edicións Xerais; Maribel Martín, vicepresidenta da Asociación Cultural Casino de Santiago e pechará a propia Rosa Aneiros.
Publicada por Xerais no 2024, 'A noite das cebolas' foi recoñecida co Premio Novela Europea Casino de Santiago neste 2026, galardón arredor do que se organiza este encontro, e tamén foi recoñecida no 2025 co Premio Follas Novas do Libro Galego de Narrativa. A través dunha historia na que se entrelazan a fraxilidade, os coidados, a memoria, a culpa e a beleza das pequenas cousas, Rosa Aneiros constrúe en 'A noite das cebolas' un relato sobre a capacidade da vida para sorprendernos mesmo nas circunstancias máis adversas.












