A USC recupera 'La casa de la Troya' no centenario da morte do seu autor
A nova edición da novela de Alejandro Pérez Lugín, a cargo de Mª Ángeles Gómez Abalo, presentouse este luns no museo dedicado á obra en Santiago

O Museo da Casa de la Troya foi este luns 5 o escenario da presentación do libro 'La casa de la Troya' que no centenario do falecemento do seu autor, Alejandro Pérez Lugín, a USC publica nunha edición a cargo da profesora e investigadora Mª Ángeles Gómez Abalo, e que veu orixinalmente a luz en 2008. O acto de presentación do volume estivo presidido pola reitora Rosa M. Crujeiras e contou coas intervencións da profesora Gómez Abalo; Juan L. Blanco Valdés, director de Edicións USC; Francisco Candela Castrillo, presidente do Ateneo de Santiago; e Benigno Amor Barreiro, presidente da Asociación Antigos Tunos Composteláns.
“Presentamos unha nova edición de 'La Casa de la Troya', unha obra que forma xa parte da memoria sentimental de Compostela e tamén da memoria da nosa Universidade”, salientou a reitora da USC, Rosa M. Crujeiras. Esta novela, continuou a reitora, fala de moitas cousas: “Fala dunha cidade, dunha época, dunha maneira de vivir a universidade. Fala tamén da mocidade, das amizades, das primeiras experiencias de independencia, dos soños e das ilusións. E fala, sobre todo, da relación entre unha cidade e a súa Universidade”.
Para a reitora, o interesante é que “non estamos ante unha crónica académica. Non é a historia dunha universidade contada desde as súas institucións, desde a súa reitoría ou desde os seus grandes acontecementos. É a universidade vista desde a vida cotiá do seu estudantado. E talvez por iso chegou tan lonxe. Porque quen le a novela non atopa só unha descrición dunha época. Pode recoñecer nela algo da experiencia universitaria: chegar a unha cidade nova, coñecer outras persoas, facer amizades, descubrir lugares, equivocarse, divertirse, aprender e comezar a imaxinar o propio futuro”.












