A Real Filharmonía leva a Santiago a 'Nostalxia', un diálogo musical entre Brasil e Francia
O concerto, dirixido polo novo director asistente César Ramos, reunirá obras de Villa-Lobos, Ravel, Milhaud, Duparc e Bizet este xoves no Auditorio de Galicia

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) presenta esta semana “Nostalxia”, un programa que explora as conexións musicais entre Brasil e Francia a través de cinco obras de compositores que atoparon na tradición, na música popular e na evocación do pasado unha fonte inesgotable de inspiración. O concerto estará dirixido por César Ramos, novo director asistente da orquestra, e contará coa participación do estudantado da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM).
A proposta reúne composicións de Heitor Villa-Lobos, Maurice Ravel, Darius Milhaud, Henri Duparc e Georges Bizet nun percorrido que combina a riqueza rítmica da música brasileira coa elegancia e o lirismo da tradición francesa. Un diálogo entre culturas e épocas que revela como a música é capaz de transformar lembranzas, influencias e identidades en novas paisaxes sonoras.
O concerto ábrese coa 'Bachiana brasileira núm. 9', de Heitor Villa-Lobos, unha das sínteses máis orixinais da música do século XX, na que o compositor brasileiro fusiona o espírito popular do seu país co contrapunto e as formas musicais de Johann Sebastian Bach.
A continuación, 'Le Tombeau de Couperin', de Maurice Ravel, recupera a elegancia da tradición barroca francesa nunha homenaxe ao compositor François Couperin, escrita baixo a pegada da Gran Guerra. A obra combina a evocación do pasado cunha linguaxe musical propia, delicada e chea de matices.
A música popular brasileira toma protagonismo en 'Le boeuf sur le toit', de Darius Milhaud, unha composición nacida da fascinación do autor pola música que descubriu durante a súa estadía en Río de Janeiro. A través dun exuberante rondó que reúne diferentes formas e ritmos brasileiros, Milhaud constrúe unha peza chea de vitalidade, humor e cor.
O programa continúa con 'Aux Étoiles (Poème nocturne)', de Henri Duparc, unha delicada composición de carácter evocador que chegou ata os nosos días malia a destrución á que o propio compositor condenou boa parte da súa obra.
Pecha o concerto a 'Sinfonía en Do', de Georges Bizet, escrita cando o compositor tiña apenas dezasete anos. A partitura sorprende pola súa madurez e riqueza melódica, especialmente no 'Andante', onde destaca o lirismo da intervención do óboe.
Unha cita en Santiago
A Real Filharmonía de Galicia interpretará “Nostalxia” o mércores 7 de outubro, ás 20.00 horas, no Teatro Afundación de Vigo, e o xoves 8 de outubro, tamén ás 20.00 horas, no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela.
Antes do concerto de Santiago, ás 19.15 horas, terá lugar unha nova sesión de “Conversando con…”, na Sala Mozart, na que o público poderá achegarse á figura de César Ramos e coñecer máis de preto as claves do programa.












