Galicreques leva a Santiago compañías de nove países con medio cento de funcións en oito días
A 31ª edición do festival celebrarase do 10 ao 18 de outubro e repartirá a programación entre 16 espazos, con especial presenza internacional e propostas nos barrios

O Festival Internacional Galicreques, organizado pola Asociación Barriga Verde, traerá a Santiago compañías e artistas procedentes de nove países durante a súa 31ª edición, que se celebrará entre o 10 e o 18 de outubro. O cartel inclúe unhas cincuenta funcións que correrán a cargo de compañías procedentes de España, Chile, Uruguai, Italia, Brasil, Arxentina, Colombia, El Salvador e India.
Na presentación participaron a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o director de Galicreques, Jorge Rey.
A presenza internacional neste 31º Festival Galicreques complétase coas compañías procedentes de Chile (Vagabundo Títeres), Uruguai (Coriolis), El Salvador (Oncelot Teatro), Arxentina (Tïteres en vuelo, Manu Mansilla, Los Pompas e El Telón), Colombia (Libélula e La Pepa del Mamoncillo) e Brasil (Habib&Valeria). As compañías españolas que participan no Galicreques son Teatro Arbolé (Aragón), Zorro Gallego (Asturias) La Gotera de la Azotea (Andalucía), La Tartana (Madrid), La Estrella (Valencia) e La Carreta (Valencia).
Presenza galega e estrea
O Festival Galicreques contará no seu cartel cos espectáculos de seis nomes destacados do teatro galego de monicreques e obxectos. Espaguetti Títeres representará 'O gato e os ratos', mentres que Mircromina ofrecerá a súa peza 'Cocinillas' e Teatro Escena actuará coa súa obra 'Brancaneves e os 7'. Pola súa banda Uxía Algarra porá en escena 'Gracias por su visita' e Títeres Alakrán presentará a súa versión de 'A rosa de papel', adaptación ao teatro de monicreques en galego da obra homónima de Valle-Inclán.
Marcos PTT representará o 17 de outubro no Salón Teatro ás 19.00 horas 'Vila', unha investigación escénica arredor dos lugares que habitamos e das historias que se agochan detrás deles. A cidade como escenario convértese nun lugar que pode ser desmontado, ampliado, transformado e reconstruído para descubrir aquilo que normalmente permanece invisible. A obra preséntase como unha reflexión sobre como as sociedades humanas se relacionan, constrúen e destrúen tanto o territorio coma aos seus habitantes.
O cartel deste Galicreques conta con funcións escolares e a programación descentralizarase para achegarse ao público dos diferentes barrios da cidade. Así, o cartel desenvolverase nun total de 16 recintos. Os principais centros neurálxicos serán a xa tradicional Carpa que Galicreques instala na Alameda cada ano e o Teatro Principal. O festival ademais programará funcións en nove centros socioculturais (Conxo, Santa Marta, Fontiñas, Vite, Castiñeiriño, O Ensanche, Amio, A Gracia, Figueiras e Laraño). A Casa do Taberneiro, a Reixa Tenda e a Fundación SGAE completan a relación de escenarios deste 2026.
Premio Galicreques
Este ano, o Festival Galicreques ten a honra de conceder o seu premio a Dadi Pudumjee (Pune, India, 1951), unha figura esencial do teatro de monicreques contemporáneo e un dos seus grandes embaixadores internacionais. Desde que iniciou a súa traxectoria profesional nos anos setenta, traballou para ampliar as fronteiras da linguaxe dos monicreques, achegándoa á danza, á música, ás sombras, aos obxectos e ao movemento.












