Álvaro García Ortiz abrirá o curso do Ateneo de Santiago cunha conferencia sobre a transformación da xustiza
O exfiscal xeral do Estado falará o luns sobre os cambios e retos actuais da Administración de Xustiza

O Ateneo de Santiago celebrará o próximo luns, 5 de outubro, ás 19.30 horas, a primeira conferencia deste curso, titulada 'A transformación da xustiza', impartida por Álvaro García Ortiz, exfiscal xeral do Estado. A sesión poderá seguirse tamén en directo por streaming a través da páxina web do Ateneo de Santiago e da súa canle de YouTube.
A conferencia achegarase aos cambios e retos que atravesa actualmente a Administración de Xustiza, nun contexto marcado pola súa transformación e adaptación ás novas realidades sociais. García Ortiz abordará esta cuestión dende a súa experiencia profesional na carreira fiscal, á que estivo vinculado durante máis de dúas décadas antes de asumir a Fiscalía Xeral do Estado en 2022, cargo que ocupou ata novembro de 2025.
Álvaro García Ortiz é licenciado en Dereito pola Universidade de Valladolid e incorporouse á Fiscalía en 1998. Tras exercer en Maó, trasladouse en 2002 á Fiscalía da Área de Santiago e posteriormente especializouse en medio ambiente no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, asumindo en 2005 a acusación pública no caso Prestige. Foi membro do Consello Fiscal e fiscal xefe da Secretaría Técnica da Fiscalía Xeral do Estado, ademais de formar parte da dirección de Magistrats Européens pour la Démocratie et les Libertés. Ao longo da súa traxectoria colaborou tamén como articulista en medios de comunicación e publicacións especializadas













