A Tropa C regresa aos escenarios de Santiago para achegar a cultura ao público infantil
Compostela Cultura presenta a programación familiar da tempada 2026-2027 con propostas para nenas, nenos e mocidade en distintos espazos da cidade

A Tropa C emprende unha nova expedición polo universo cultural compostelán. Compostela Cultura presentou hoxe a súa programación escénica e familiar para a tempada 2026-2027, unha proposta ampla e diversa que volverá levar a Pili Po, Gael Po Alla, Octavia Altiora, Lupa e Quercus de Conxo polos principais escenarios da cidade e por outros espazos nos que xogar, descubrir, aprender e compartir cultura en familia.
A nova tempada foi presentada en rolda de prensa pola concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López.
Tras o seu nacemento o pasado ano como selo da programación familiar de Compostela Cultura, a Tropa C consolídase como unha ferramenta de mediación cultural que busca que a cativada e a mocidade identifiquen os espazos e a programación cultural pública como propios. Pili Po, Gael Po Alla, Octavia, Lupa e Quercus representan diferentes maneiras de mirar o mundo e valores como a curiosidade, a empatía, a valentía, o respecto, a cooperación e o vínculo coa cultura e coa contorna.
“Queremos que as nenas e os nenos de Compostela recoñezan os teatros, os auditorios e os espazos públicos como propios, porque non son unicamente a cidadanía do futuro: son cidadanía hoxe e teñen dereito a participar plenamente da vida cultural da súa cidade”, sinalou Míriam Louzao.
Na súa intervención, a deputada provincial de Cultura, Natividade González, salientou especialmente a capacidade da cultura para xerar vínculos e experiencias compartidas desde a infancia e no ámbito familiar: "Hai algo especialmente bonito na cultura en familia: crea experiencias compartidas. Unha función non remata cando se apagan as luces; continúa despois na conversa, nas preguntas dos nenos e das nenas, no que lles sorprendeu, no que lembran e no que os fixo rir".













