Santiago estudará o custo de prolongar o transporte urbano ata Os Tilos
O Concello levará á próxima comisión técnica un informe económico sobre a extensión do servizo, mentres defende que a nova Liña 6 mellorará as frecuencias e a cobertura

O Concello de Santiago presentará un estudo económico sobre os custos da prolongación do servizo de transporte urbano aos Tilos que se avaliará nunha próxima reunión da Comisión técnica de seguimento do convenio entre a Xunta e os concellos de Santiago e Teo para a cobertura dese lugar co transporte urbano de Compostela.
Así se acordou na xuntanza celebrada hoxe, na que participaron o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, e o xerente de Tussa, José Ramón Mosquera, ademais da alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, e a directora xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Judith Fontenla.
Na comisión o concelleiro de Mobilidade defendeu que a nova configuración da rede de transporte supón notables melloras, non só para a veciñanza de Santiago, senón tamén para a dos Tilos. Nese sentido, lembrou que a Liña 6, a máis utilizada da rede, terá unha frecuencia de 15 minutos, fronte aos 20 actuais.
Tamén explicou que na actualidade “as liñas 6 e 12 suman un total de 29.895 expedicións anuais, o que supón un total de 109 expedicións diarias en xornadas laborables, fronte ás 39.389 expedicións anuais e 128 diarias que se prevén da Liña 6 no novo contrato”. Tamén espuxo que no ano 2025, a Liña 6 contabilizou case 165.000 usuarias nas paradas dos Tilos, fronte ás 11.000 da Liña 12, “que só ofrece seis servizos de ida e seis de volta, e só en horario de mañá”.
O concelleiro de Mobilidade explicou que “os cambios na rede de transporte de Santiago, tamén os que lles afectan aos Tilos, baséanse en criterios dos técnicos municipais e de Tussa e que teñen como obxectivo mellorar a cobertura territorial e a eficiencia do servizo”.













