Santiago abre unha nova convocatoria para obter o permiso municipal de condutor de taxi
As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude ata o 18 de outubro e deberán contar cun permiso de conducir B ou superior en vigor

A Concellaría de Mobilidade vén de publicar as bases dunha nova convocatoria para a obtención do permiso municipal necesario para a condución de taxis no termo municipal de Santiago. O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o próximo día 18.
Á convocatoria pódense presentar as persoas que desexen obter o certificado de aptitude profesional para prestar o servizo de taxi como persoa condutora, asalariada ou autónoma, que estean en posesión do permiso de condución da clase B ou superior en vigor.
As solicitudes para participar nas probas deben realizarse a través da sede electrónica do Concello de Santiago no trámite “Obtención do permiso municipal de persoa condutora”, ou de forma presencial no Rexistro Xeral do Concello.
Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Concellaría de Mobilidade aprobará a lista provisional de persoas admitidas e excluídas, que se publicará no Taboleiro electrónico de Anuncios do Concello de Santiago e na páxina web do Concello, concedendo un prazo de dez días hábiles para a presentación de emendas. Unha vez aprobada a lista definitiva de aspirantes, ditarase unha resolución na que tamén se fará pública a composición do Tribunal Cualificador. Entre a data de publicación da lista definitiva de persoas admitidas e a data de celebración do exame transcorrerán cando menos cinco días hábiles.













