Santiago presenta o novo curso da Escola de Segunda Oportunidade para persoas adultas sen titulación
O programa comezará o 19 de outubro e ofrecerá formación para preparar as probas de Competencias Clave e do Graduado en ESO

Hoxe ven de presentarse o novo curso da Escola de Segunda Oportunidade, dirixida a persoas adultas empadroadas en Santiago que se atopen en risco de exclusión social, persoas desempregadas que queiran retornar ao sistema educativo para preparar esas probas; ou a mozos e mozas que abandonaran o sistema educativo sen obter ningún tipo de titulación.
A actividade comezará o 19 de outubro, ata principios de xuño cando están previstas as probas de Competencias Clave e Graduado en ESO da Xunta de Galicia. As clases terán lugar no edificio CABES de Salgueiriños. Serán os luns, martes, mércores e venres, en horario de 10.00 a 13.00 horas.
Na presentación do curso, que tivo lugar no Pazo de Raxoi, participou a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas. Ademais, estivo acompañada pola coordinadora do programa, Elena González; o coordinador do equipo docente, Antón Porteiro; e o presidente de Compostela Solidaria, Luis Rivero de Aguilar.
Á rolda tamén asistiron os profesores Vicente Moreno, profesor de Física, Jaime Romero, catedrático de Química da USC: Avelino Gallardo, controlador aéreo e profesor de inglés; e Merche Espiño, exprofesora do IES Eduardo Pondal que se encargará da docencia de galego e castelán.














