A danza e o teatro infantil chegan ao Auditorio de Galicia con ‘tÁ’ este domingo
A compañía cántabra Escena Miriñaque, Premio Nacional de Artes Escénicas en 2024, presentará ás 18.00 horas un espectáculo ambientado nun bosque de realismo máxico

A compañía cántabra Escena Miriñaque, Premio Nacional de Artes Escénicas para a Infancia e a Mocidade en 2024, presentará este domingo, 4 de outubro, no Auditorio de Galicia o espectáculo ‘tÁ’, unha proposta que combina danza e teatro e está pensada para o público infantil.
A función comezará ás 18.00 horas na sala Ángel do Auditorio de Galicia e levará ao escenario un bosque no que o estraño e o misterioso forman parte da vida cotiá. Os dous protagonistas, peculiares e divertidos, constrúen unha amizade a través do xogo e do descubrimento das emocións.
O espectáculo busca achegar as crianzas á danza desde unha linguaxe que mestura distintas disciplinas escénicas. Ao final da función, ademais, os propios personaxes convidarán o público infantil a entrar no seu bosque dunha maneira pouco habitual: bailando.
‘tÁ’ está incluído na programación da décimo sétima edición de ‘Danza a Escena’, o circuíto estatal de apoio á danza promovido pola Dirección Xeral de Artes Escénicas e Música e desenvolvido pola Rede Española de Teatros, Auditorios, Circuítos e Festivais de titularidade pública.
A edición deste ano levará espectáculos a espazos escénicos públicos de dez comunidades autónomas, entre elas Galicia. Desde a súa creación, o programa reuniu preto de 350 espectáculos en 500 escenarios, con arredor de 1.800 funcións e máis de 370.000 espectadores.














