Kiko da Silva ponlle imaxe á nova tempada da Banda Municipal de Santiago
O ilustrador creará unha viñeta exclusiva para cada concerto dun programa que arrinca o 4 de outubro e contará con oito actuacións ata decembro

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e o director da Banda Municipal de música, David Fiuza, presentaron hoxe en rolda de prensa a tempada 2026-2027 da banda, que leva por título 'Viñetas, música que tamén conta historias'. Desta volta, saliéntase a relación entre a música e a arte visual como fío condutor da programación, estando convidado como colaborador especial o ilustrador Kiko da Silva. O artista creará unha ilustración exclusiva para cada concerto, ademais da imaxe do cartel da programación.
A primeira parte da tempada comprende oito concertos entre outubro e decembro, incluíndo varias actividades didácticas e a participación de directores convidados, entre eles os finalistas do concurso de dirección da Banda.
David Fiuza sinalou que se trata dun "luxo" contar con Kiko da Silva, salientando a relación entre viñetas e concertos que funcionan como "marcos", momentos capturados da realidade que narran unha historia completa. O director da Banda tamén se referiu ao cartel da programación, obra do mesmo ilustrador, que co seu "carácter fabulístico" e bucólico anima a contar historias a través da música. En cada concerto, o público asistente recibirá un documento co programa nunha cara e a ilustración de Kiko da Silva na outra.
A programación arrinca o vindeiro domingo, 4 de outubro, ás 12h no Teatro Principal. Baixo o título 'Valencia, da tradición á modernidade', a actuación comprende obras de Vicente Terol, Manuel Palau, Rafael Taléns, José Vicente Egea e Saül Gómez Soler, baixo a dirección de Juan Daniel Jover Piqueres, gañador do concurso de dirección da Banda Municipal.
A seguinte cita será un concerto familiar con catro pases previos de carácter didáctico dirixidos polo segundo director da Banda, Casiano Mouriño Maquieira. Baixo o título 'Breve Historia da música clásica', esta proposta conta coa participación dos actores Félix Rodríguez e Fran Rei, e convida a unha viaxe a través de cinco séculos dende o XV, satírica e chea de retranca. Os catro concertos didácticos para público infantil terán lugar os días 15 e 16 de outubro ás 10h e ás 12h na Sala Mozart. O concerto desenvolverase o domingo 18 de outubro ás 12h no Teatro Principal.
O 25 de outubro volve a colaboración da Banda con Amigos da Ópera de Santiago de Compostela coa proposta homónima, onde salientan as voces de Clara Panas, soprano moldava, e Nazar Mykulyak, barítono ucraíno. Incluirá pezas de autores como Wolfgang Amadeus Mozart, Richard Wagner ou Giuseppe Verdi. Será ás 12h no Teatro Principal.
En novembro desenvolverase a proposta 'Música no cine (o poder dunha banda sonora)', que recupera autores como Ennio Morricone ou John Williams. Precedido por concertos didácticos os días 5 e 6 de novembro para público infantil, o concerto dirixido por Casiano Mouriño Maquieira desenvolverase o domingo 8 de novembro ás 12h no Auditorio de Galicia. Participará a actriz e comunicadora Paula Cereixo e desenvolverase en coincidencia co festival Cineuropa.
O seguinte domingo, 15 de decembro, ás 12h no Teatro Principal terá lugar a quinta edición do concurso de dirección da Banda, desta volta baixo o título 'Campus Stellae'. O repertorio será enteiramente galego e moi vinculado á cidade de Santiago, con obras de Andrés Álvarez, Ángel Montes, Thierry Deleruyelle, Simón Couceiro Riveira, Juan Lois Diéguez e Javier González Borrajo.
O mes de novembro péchase con 'Raíces e horizontes', dirixida por Borja Romero, premiado na pasada edición do concurso de dirección. Será ás 12h no Teatro Principal.
As citas de decembro serán con directores convidados. O primeiro deles, Antonio Lajara, propón un programa baixo o suxestivo nome 'Da terra ó mito', conectando o folclore coa mitoloxía. Será o domingo 13 de decembro ás 12h no Teatro Principal.
A primeira parte da programación pecha por todo o alto cun dos principais directores de banda a escala internacional, o arxentino Miguel Etchegoncelay. A actuación 'Ritos' desenvolverase o domingo 20 de decembro ás 12h no Teatro Principal.
Míriam Louzao salientou o carácter variado da programación presentada, sinalando que coma sempre os concertos son de balde. A concelleira convidou a todas as persoas interesadas a asistir a este ciclo de actuacións, amosando o seu desexo de ver medrar a comunidade de afeccionadas e afeccionados ás bandas.














