A USC entrega os Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación
Os galardóns recoñecen seis traballos desenvolvidos en ámbitos como a alimentación, os materiais didácticos, a historia de Galicia e a literatura medieval

A Universidade de Santiago de Compostela entregou este venres os Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación, que nesta edición recoñecen seis traballos sobre cuestións como os roles de xénero na alimentación, os nesgos nos materiais educativos, as identidades de xénero na Galicia contemporánea ou a representación das mulleres na literatura medieval.
O acto celebrouse no Salón Nobre do Colexio de Fonseca e contou coa participación da reitora da USC, Rosa M. Crujeiras; a vicerreitora de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar, Lorena Añón Loureiro; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta, Eloína Ingerto López.
Na modalidade de docencia, o primeiro premio foi para Luzia Oca González polo traballo ‘Introducindo a perspectiva de xénero na docencia. Fundamentos antropolóxicos da alimentación’, desenvolvido no Grao en Nutrición Humana e Dietética do Campus de Lugo.
A proposta incorpora a perspectiva de xénero ao estudo dos aspectos socioculturais da alimentación a través de actividades prácticas. Entre elas figuran unha mostra fotográfica e unha investigación etnográfica centrada no papel das mulleres tanto no ámbito doméstico como no laboral relacionado coa alimentación.
O segundo premio de docencia recoñeceu ‘Código violeta: unha experiencia intercurso para avaliar e (re)deseñar materiais didácticos con perspectiva de xénero’, elaborado por Milena Villar Varela, Silvia López Gómez, Pablo Gayo Pérez, Jesús Rodríguez Rodríguez, Clara Martínez Delgado e María del Mar Sanjuán Roca.
O proxecto, desenvolvido no Grao en Pedagoxía, traballa coa identificación e análise dos nesgos de xénero presentes nos materiais didácticos e nas decisións curriculares. A experiencia implicou alumnado de segundo e cuarto curso e estivo vinculada ao XVII Seminario de Avaliación de Materiais Didácticos Jaume Martínez Bonafé.Investigación sobre xénero e sociedade
Na categoría de investigación, o primeiro premio foi para Uxía Otero González e Daniela Ferrández Pérez polo estudo ‘Disidencias sartoriais sexo-xenéricas na Galicia da primeira metade do século XX: unha investigación colaborativa desde a perspectiva de xénero’.
O traballo analiza como as persoas que se afastaban das normas de xénero fixeron visible a súa identidade e como foron nomeadas, vixiadas ou sancionadas na Galicia rural entre finais do século XIX e a década de 1960. A investigación aborda estas experiencias dentro do contexto social, legal, económico e comunitario da época.
O segundo premio foi para Xiana Estévez Huete por ‘Inxustiza estrutural. Coñecemento e poder’, un traballo centrado na relación entre as dinámicas de poder e a maneira na que se avalían e recoñecen determinadas voces nos ámbitos académicos, institucionais e dixitais.
A autora analiza como factores como o sexo-xénero, a clase social ou a raza poden influír na autoridade discursiva, na credibilidade e no recoñecemento social, así como na propia análise das situacións de desigualdade.
O terceiro premio recoñeceu a obra ‘Mulleres medievais: textos e imaxes na lírica galego-portuguesa’, de María Esther Corral Díaz, en co-coordinación con Yara Frateschi Vieira e coa participación como coautores de María Bermúdez Castro, Miguel García Fernández, Isabel Morán Cabanas, María Ana Ramos, Michel Sleiman, José Antonio Souto Cabo e Tania Vázquez García.
A publicación reúne textos líricos, imaxes manuscritas e outros materiais para analizar e visibilizar a presenza das mulleres na lírica profana galego-portuguesa medieval. A obra foi editada polo Servizo de Publicacións da USC co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Durante a entrega dos premios, a reitora Rosa M. Crujeiras sinalou que os galardóns buscan recoñecer o traballo desenvolvido na Universidade para incorporar a perspectiva de xénero á docencia e á investigación.















