O PicaFest levará música e gastronomía ao parque de Belvís o 2 de outubro
O evento reunirá cinco grupos novos e ofrecerá menús a cinco euros para persoas de entre 14 e 30 anos

O parque de Belvís acollerá o venres 2 de outubro a primeira edición do PicaFest, un evento que combinará actuacións musicais e propostas gastronómicas e que nace de dúas iniciativas seleccionadas nos Orzamentos Participativos da área de Mocidade do Concello de Santiago.
O festival comezará ás 18.30 horas e terá acceso gratuíto. O cartel estará formado por cinco proxectos musicais novos de diferentes estilos, tres deles vinculados ao Centro Xove da Almáciga: Lubela, un dúo de violoncello e acordeón que combina tradición galega e folclore balcánico; Kafé de Pota, cunha proposta festiva e influenciada por bandas como Herdeiros da Crus ou Terbutalina; e a cantante de música urbana Queen Rendi.
A programación completarase con Unto Vello, o dúo formado por Bieito Pereira e Xabi Gómez, que leva a música tradicional cara a un formato pensado para o baile, e Tapa D'Orella, o proxecto de Willow GHZ e Pappaquino, que mestura música e humor con ritmos latinos, música popular galega, ska e sons verbeneiros.
A proposta gastronómica desenvolverase coa colaboración de Hostalaría.gal e incluirá churrasco e hamburguesas, dúas das opcións que formaban parte das propostas gañadoras dos Orzamentos Participativos. A organización sinala que se empregará produto de proximidade e ingredientes de calidade.
As persoas de entre 14 e 30 anos poderán acceder a un menú por cinco euros mediante un bono que se poderá descargar a través dun código QR incluído no cartel do evento. Haberá 300 bonos dispoñibles e cada persoa poderá descargar un máximo de cinco. Para o resto do público, a comida terá prezos de mercado.
O PicaFest foi presentado pola concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, xunto ao presidente de Hostalaría.gal, Lois Lopes. Segundo explicou Rozas, o evento pretende ofrecer un espazo para dar a coñecer novos proxectos musicais e, en particular, bandas vinculadas ao Centro Xove da Almáciga.














