Máis de 400 ciclistas novos participarán este sábado na Mini-MTB Cidade de Santiago
A proba, que pecha o calendario galego da modalidade, disputarase nun circuíto de 2,35 quilómetros na contorna de San Lázaro

A contorna do estadio municipal Verónica Boquete de San Lázaro acollerá na tarde deste sábado, 26 de setembro, a carreira de Mini-MTB "Cidade de Santiago" (Memorial Luis Neira Fontao). O evento está organizado polo Club Ciclista Compostelano-Muebles Compostela e conta co patrocinio do Concello de Santiago.
Nesta edición, o evento deportivo rende homenaxe a Luis Neira Fontao, finado en 2022, en recoñecemento ao seu labor como presidente do Club Ciclista Compostelano e á súa dedicación aos programas de formación ciclista para categorías inferiores da entidade.
A competición desta fin de semana supón a proba final do calendario galego de Mini-MTB. A organización espera a participación de máis de 400 ciclistas novos con licenza —56 deles pertencentes club organizador—, que competirán por acadar os mellores tempos no trazado.
Circuíto de 2,35 km
A carreira desenvólvese nun circuíto de 2.350 metros e os participantes deberán completar un número determinado de voltas segundo a súa categoría de idade. O deseño do percorrido modificouse para incluír obstáculos artificiais, o que dá lugar a tramos máis técnicos en comparación con edicións anteriores, especialmente para os ciclistas máis novos.
O evento comezará ás 14.30 horas e a cerimonia de entrega de trofeos está prevista para arredor das 20.00 horas.













