Santiago programa 15 citas para achegar a música contemporánea a novos públicos
A tempada de Contemporáneas incluirá estreas, creación galega e cinco concertos da JONDE xunto ao Klangforum Wien e o Ensemble Modern

O ciclo Contemporáneas regresa a Santiago coa súa segunda tempada cun programa de 15 citas dedicadas á música dos séculos XX e XXI, entre o 28 de setembro e o 6 de xuño. Concertos, estreas, propostas escénicas, charlas-concerto e actividades participativas ocuparán o Auditorio de Galicia, o Teatro Principal e a Casa das Máquinas.
A programación presta especial atención á creación galega, ás compositoras e ás novas xeracións de músicos, ademais de combinar repertorio internacional con propostas que buscan achegar a música contemporánea a públicos non especializados.
Un dos principais reclamos da tempada será o regreso da Joven Orquesta Nacional de España (JONDE) a Compostela. Entre o 20 e o 24 de outubro, a formación reunirá os seus 52 músicos, de entre 19 e 26 anos, con integrantes do Klangforum Wien e do Ensemble Modern, dous referentes internacionais da música contemporánea.
O encontro dará lugar a cinco concertos no Auditorio de Galicia, o Teatro Principal e a Casa das Máquinas, cunha programación centrada principalmente na obra de compositoras dos séculos XX e XXI. Ademais, incluirá estreas absolutas de obras de Carme Rodríguez, Helena Cánovas e Nuria Núñez Hierro.
Unha tempada con estreas e creación galega
Contemporáneas abrirá a súa programación o 28 de setembro, na Sala Mozart, cun concerto de Arxis Ensemble e a soprano Margarita Rodríguez. O programa incluirá a estrea de 'Sonora – unha fisura da poesía de Chus Pato', de Aitor Vázquez, obra gañadora do Premio Internacional Andrés Gaos de Composición Musical da Deputación da Coruña.
O ciclo continuará o 25 de novembro coa estrea de 'La geometría imperfecta del olvido', unha nova zarzuela de Sergio Camacho que combina voz, palabra, música e movemento arredor dunha historia familiar marcada pola migración e a ausencia.
A creación galega terá tamén protagonismo no concerto da Banda Municipal de Música de Santiago, o 2 de febreiro, con obras de Magdalena Argibay, Luis Serrapio e León Durán. Dúas das pezas incluídas serán estreas absolutas.
A programación incorpora ademais propostas como 'Fíos sonoros', de Adhara Dúo, dedicada exclusivamente a compositoras; 'Echo', unha colaboración de Melos New Vocal Music Collective, Ensemble New Babylon e Vertixe Sonora sobre fenómenos como as redes sociais e a desinformación; e 'Hidránxea', do Dúo Seiva, que reunirá catro estreas absolutas.
Feldman e un final participativo
Outro dos eixes da tempada será o centenario do nacemento do compositor estadounidense Morton Feldman. A pianista galega Elisa Vázquez Doval ofrecerá o 15 de decembro a charla-concerto Morton Feldman at 100, centrada na súa escritura para piano e na relación entre a súa música e as artes visuais.
Xa na recta final, o Trío Preseli presentará o 11 de maio 'Espellos atlánticos', unha proposta que conecta a creación musical galega e galesa.
Contemporáneas pechará a tempada o 6 de xuño cun concerto participativo arredor de 'In C', de Terry Riley. O Ensemble Música Práctica compartirá escenario co alumnado da Escola Municipal de Música de Santiago nunha interpretación na que a propia estrutura da obra permite que os músicos avancen polas súas diferentes seccións ao seu propio ritmo.
A programación está organizada polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, co apoio da Deputación da Coruña, a colaboración do INAEM e a participación da JONDE.















