A G-Night volve a levar a ciencia ás rúas de Santiago o 25 de setembro
O Colexio de Fonseca será un dos principais escenarios dunha xornada con máis de 150 actividades gratuítas en sete cidades galegas

A sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night) volverá o próximo 25 de setembro con máis de 150 actividades gratuítas nas sete principais cidades galegas. Santiago, Lugo, Vigo, Ourense, Pontevedra, A Coruña e Ferrol converteranse durante esa tarde e noite en espazos para experimentar, descubrir e achegarse á investigación dun xeito diferente.
En Santiago, unha parte importante da programación concentrarase no claustro do Colexio de Fonseca, onde os centros singulares de investigación da USC organizarán actividades de divulgación abertas a públicos de todas as idades. Haberá tamén propostas noutros espazos da cidade, dentro dun programa que combina ciencia, cultura e lecer.
A iniciativa reunirá máis de 500 investigadores e investigadoras de toda Galicia e prevé chegar a milleiros de persoas. Na edición do ano pasado participaron máis de 10.000.
Experimentos, roteiros e ciencia fóra das aulas
A programación inclúe obradoiros, experimentos e demostracións, expo-feiras científicas, roteiros, paseos en barco e xornadas de portas abertas, ademais de actividades en centros escolares. A intención é que a cidadanía poida achegarse á investigación de maneira práctica, con propostas nas que se poderá ver, tocar e experimentar.
A G-Night ocupará espazos moi diferentes nas distintas cidades: desde prazas, parques e museos ata mercados, centros de investigación ou mesmo bares. En Santiago, o claustro de Fonseca será un dos principais puntos de encontro coa ciencia.
A vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC, Ana Cabana, destacou durante a presentación da programación que a iniciativa busca sacar a investigación dos laboratorios, centros e aulas para achegala ao conxunto da sociedade.
A G-Night nace ao abeiro da European Researchers’ Night, unha iniciativa que se celebra simultaneamente en máis de 460 cidades europeas o último venres de setembro. En Galicia participan as tres universidades públicas, varios centros do CSIC e outros organismos de investigación, coa coordinación da Universidade de Vigo nesta edición.














