A USC e a Xunta presentan a segunda edición das Residencias ArtLab IGFAE para unir arte e investigación en física
A convocatoria ofrece 8.000 euros ao proxecto seleccionado e está aberta a artistas e colectivos vinculados ao contexto artístico galego ata o 1 de febreiro

A USC e a Xunta de Galicia veñen de lanzar a segunda edición das Residencias ArtLab IGFAE para impulsar propostas artísticas que exploren novas maneiras de achegar á sociedade a investigación punteira en física. O prazo de candidaturas estará aberto ata o 1 de febreiro de 2027 e poderán presentarse á convocatoria artistas ou colectivos de calquera disciplina vinculados co contexto artístico galego.
A residencia desenvolverase de maneira combinada entre as instalacións do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, no Campus Vida da USC, e a Cidade da Cultura de Galicia, no período comprendido entre o 22 de marzo e o 30 de maio de 2027. A estadía no IGFAE poderá ser de entre tres e oito semanas, mentres os espazos de residencia no Gaiás poderán ser utilizados por un tempo de entre unha e tres semanas.
O proxecto seleccionado beneficiarase, ademais, dunha achega de 8.000 euros para o seu desenvolvemento, aloxamento gratuíto e asesoramento científico e artístico. A peza rematada presentarase nunha exposición no Gaiás a finais de 2027. A reedición desta iniciativa é unha aposta conxunta do IGFAE, dirixido por Carlos Salgado, e da Fundación Cidade da Cultura, que dirixe Ana Isabel Vázquez.
A estadía no IGFAE, centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, permitirá achegarse ás áreas de investigación desenvolvidas no centro, os seus obxectivos, os métodos empregados e enfoques experimentais, ao tempo de pór en diálogo estas experiencias coa realización da obra artística. No Gaiás, a proposta contará cos espazos, equipamentos, recursos técnicos e humanos necesarios para materializarse.
Arte e ciencia para comprender o mundo
Entender os elementos fundamentais da materia e dos primeiros instantes do Universo, a astrofísica, a teoría de cordas, a física nuclear, os raios cósmicos, os neutrinos, as ondas gravitacionais, o desenvolvemento de detectores e aceleradores de partículas ou os avances en ciencia e tecnoloxía cuánticas, son algunhas das áreas de investigación que poderán servir de inspiración ás propostas creativas das Residencias ArtLab IGFAE.
O formato do proxecto a realizar é totalmente aberto, (artes plásticas, fotografía, artes de acción, arte sonora, artes dixitais ou arte participativa, entre outras) e poderá ser unha obra de arte totalmente nova ou ampliación dun traballo en curso.
Na primeira edición das Residencias ArtLab IGFAE resultou seleccionado o proxecto ‘Outro e sobre si’, do compostelán Andrés Rivas Rodís. A través da pintura, o artista explorou o concepto da superposición na teoría e computación cuánticas. O seu traballo presentarase ao público o vindeiro mes de outubro nunha exposición no Museo Centro Gaiás.













