Lgido, Xián Pais e Santa Salut poñen música á segunda edición do Compostela Street
O festival celebrarase do 18 ao 20 de setembro en Santiago con breaking, skate, freestyle football, graffiti, obradoiros e competicións de deporte urbano

A concelleira de Xuventude, María Rozas, e os organizadores do Compostela Street, Pablo Castiñeira e Alberto Muíño, presentaron a segunda edición do festival que chega chea de música, arte urbana e deporte, e tamén con unha ampla oferta de ocio dirixida a todas as idades.
Os organizadores do Compostela Street salientaron que “ata hai pouco a cultura urbana era considerada cuestión de minorías, pero a realidade é que hoxe o consumo de música urbana está por riba do pop e tanto o breake como o skate chegaron a ser deportes olímpicos”. Ademais Pablo Castiñeira explicou que “falamos de disciplinas que poden ter un impacto moi positivo na adolescencia, porque permite un ocio activo e en grupo, fronte ao illamento e sedentarismo doutros entretenementos máis ligados ao uso de pantallas”.
Máis actividades e máis competicións
A segunda edición do Compostela Street trae a Santiago unha programación moi ambiciosa, que incorpora máis disciplinas vinculadas á cultura e ao deporte urbanos e que sitúa ao festival como sede de diferentes competicións.
Así, no marco do Compostela Street o Campus Sur acollerá o sábado 19 o Campionato de España de Breaking e o primeiro Campionato Nacional Open Ranked de World Chase Tag, unha competición de persecución deportiva vinculada ao parkour; e o domingo 20 celebrarase o Campionato Internacional de Freestyle Football, unha disciplina centrada no control corporal, as transicións, a creatividade e o ritmo co balón. Tamén se celebrará, vinculada ao festival, a final da Liga Xunta de Galicia de Break
A programación musical tamén se reforza nesta edición do Compostela Street, coa participación no festival de artistas dunha gran proxeccción entre o público novo. Así, para o venres 18 están previstas as actuacións de Lil Sam, Lgido e Santa Salut; e o sábado 19 de setembro será a quenda de Xián Pais, Faenna e XMaseda65.
Outra das propostas novidosas é a “Sabotaxe-Batalla de debuxantes”, na que varios artistas invitados terán que pintar nun espazo con diferentes soportes volumétricos, utilizando unicamente as cores branca e negra e enfrontándose a diferentes retos que un xurado lles imporá durante 90 minutos.













