Santiago reúne preto de 600 especialistas en Estatística, Investigación Operativa e Ciencia de Datos
O congreso nacional da SEIO regresa á capital galega 37 anos despois da súa última edición na cidade e desenvolverá parte da súa programación no Auditorio de Galicia

Santiago de Compostela convértese ata o 5 de setembro en punto de encontro de referencia para a Estatística, a Investigación Operativa e a Ciencia de Datos ao ser escenario do XLII Congreso Nacional de Estatística, Investigación Operativa e Ciencia de Datos (SEIO 2026). O encontro regresa á capital galega 37 anos despois da súa última celebración na cidade, en 1989.
Na sesión inaugural a reitora Rosa Crujeiras puxo o foco na importancia dos datos na sociedade actual, un auténtico “océano” polo que “navegar”. Ter máis información, sinalou a reitora, “non garante chegar mellor a destino. Hai que saber que sinais importan, que relacións podemos establecer e que incerteza permanece. Ese é o noso traballo: converter os datos en coñecemento fiable e poñer ese coñecemento ao servizo de mellores decisións”. A estatística, a investigación operativa e a ciencia de datos deitan luz sobre a incerteza, disciplinas que “teñen aquí unha comunidade sólida, cunha longa traxectoria e unha gran capacidade de colaboración entre as nosas tres universidades públicas”. Para a reitora, que este XLII Congreso da SEIO chegue a Compostela é “un recoñecemento ao traballo de toda unha comunidade científica e a un xeito de entender a ciencia baseada na colaboración”.
Ademais da reitora, tamén participaron no acto inaugural a alcaldesa de Santiago Goretti Sanmartín; Mª José Ginzo Villamayor e Alejandro Saavedra Nieves, presidentes do Comité Organizador; Manuel Febrero Bande, presidente do Comité Científico; Xoán Ramón Doldán García, decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais; Juan Carlos Reboredo Nogueira, director do Instituto Galego de Estatística (IGE); Carmen Cotelo Queijo, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN); e Mª Dolores Martínez Miranda, presidenta da SEIO. As actividades do Congreso desenvolveranse principalmente na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e no Auditorio de Galicia, que acollerán tanto as sesións científicas como diferentes actos institucionais vinculados ao encontro.
A elevada participación confirma a capacidade de convocatoria do encontro, que reunirá en Santiago preto de 600 investigadores, profesionais e especialistas procedentes de universidades, centros de investigación, administracións públicas e empresas. Durante catro días, a USC converterase así nun escaparate dos avances máis recentes nunhas disciplinas que desempeñan un papel cada vez máis relevante na sociedade.
A Estatística, a Investigación Operativa e a Ciencia de Datos proporcionan ferramentas fundamentais para analizar grandes volumes de información, xestionar a incerteza, optimizar recursos e apoiar a toma de decisións en ámbitos tan diversos como a saúde, a economía, a industria, o medio ambiente ou as políticas públicas. Esta relevancia cobra especial importancia no actual contexto de expansión da intelixencia artificial e do uso masivo de datos, no que a calidade da información, os modelos matemáticos e estatísticos e a capacidade para interpretar correctamente os resultados resultan fundamentais. O congreso permitirá presentar e debater novas metodoloxías, modelos e aplicacións, combinando avances teóricos con problemas e retos directamente relacionados coa sociedade.












