O Museo do Pobo Galego homenaxea a Rafael Baltar cunha xornada sobre o seu legado
'Amizade en torno a Baltar' celebrarase o martes 8 de setembro e reunirá historiadores, arquitectos e persoas vinculadas ao arquitecto compostelán

O Museo do Pobo Galego acollerá o vindeiro martes, 8 de setembro, a xornada 'Amizade en torno a Baltar', unha cita aberta á cidadanía dedicada á figura e ao legado do arquitecto Rafael Baltar (1933-2004).
A actividade comezará ás 16.15 horas e contará coa participación de Fernando Agrasar, Mónica Mesejo, Cristóbal Crespo, Juan Prieto, Myriam Gollubof, Felipe Peña e Pablo Gallego. Entre as primeiras intervencións estará unha conversa de Ramón Villares coas comisarias da exposición, Paula Franjo e Sandra González Álvarez, sobre o contexto compostelán.
A xornada abordará tamén a obra de Baltar, Bartolomé e Almuiña, a súa experiencia docente e a súa relación coas institucións da cultura arquitectónica galega. Rematará cunha quenda de preguntas e diálogo ás 19.30 horas, seguida dun cóctel.
A iniciativa enmárcase na exposición 'Rafael Baltar. Testemuña dun tempo', organizada polo COAG, o Museo do Pobo Galego e a ETSAC, que se pode visitar ata o 27 de setembro. A mostra percorre a traxectoria profesional, docente e institucional de Baltar e o seu papel na arquitectura e na cultura galegas da segunda metade do século XX.
Entre as súas obras en Santiago figuran a rehabilitación de San Domingos de Bonaval para o Museo do Pobo Galego, actuacións na Catedral e no Teatro Principal, o Salón Teatro, os Xulgados e a Facultade de Ciencias Políticas.













