A Farmacia Rosa Vázquez e Paluso protagonizan en setembro a campaña ‘12 Comercios, 12 Sensibilidades’
A iniciativa incluirá un punto informativo, unha recollida de alimentos e un mercado solidario para apoiar o labor da asociación compostelá

A Farmacia Rosa Vázquez e a Asociación Paluso serán en setembro as protagonistas da campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades”. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe as actividades do mes e volveu mostrar a súa satisfacción pola boa acollida que está a ter o programa, tanto entre o tecido comercial e asociativo de como entre os veciños e veciñas de Santiago.
María Rozas deu conta das actividades nunha rolda de prensa na que estivo acompañada pola farmacéutica Rosa Vázquez, e por Chus Iglesias, alma mater da asociación Paluso. A concelleira volveu defender a capacidade do pequeno comercio para “tecer rede e facer barrio, e iso é ainda máis importante cando falamos de espazos dedicados ao coidado da saúde como as farmacias, nas que é fundamental a atención personalizada e o trato cercano”. En canto á asociación Paluso, coa que o Concello mantén unha estreita colaboración, a tenenta de alcaldesa lembrou que “leva máis de trinta anos traballando para mellorar a calidade de vida das persoas máis vulnerables, cun labor ás veces descoñecido que vai moito máis alá da súa tradicional cea de Nadal”.
Pola súa banda, Rosa Vázquez mostrouse moi orgullosa por poder colaborar nesta campaña “e máis axudándolle a quen axuda, como é a asociación Paluso e Chus Iglesias que leva toda a súa vida antepoñendo o benestar das persoas máis necesitadas ao seu propio”. No mesmo sentido, agradeceu o traballo do Concello “para que teñamos unha cidade que atende ás persoas en exclusión”. A farmacéutica animou aos veciños e veciñas a colaborar na campaña, achegando produtos que poidan ser de utilidade para os colectivos máis vulnerables”.
Chus Iglesias explicou que Paluso “naceu hai máis de trinta anos dunha decisión familiar que foi a de vivir para os demais”, e insistiu en que o seu traballo desenvólvese ao longo de todo o ano, “non suplindo ao que fan as institucións públicas senón complementándoo”.
Ao longo de todo o mes, a Farmacia Rosa Vázquez terá un punto informativo para dar a coñecer a asociación Paluso, e recollerá tamén alimentos para a entidade. Para o día 10 de setembro está prevista unha charla para dar a coñecer a entidade, ás 19.30 na propia farmacia. O día 25 celebrarase un mercado solidario na Praza Roxa en favor da Asociación Paluso, en horario de 17.00 a 20.00 horas.












