Oito artistas converten as galerías entre Rosalía de Castro e a Rúa Nova de Abaixo nun museo de arte urbana
A intervención, impulsada pola Concellaría de Xuventude, reúne a referentes do muralismo galego para transformar este espazo nun percorrido artístico permanente

As galerías que comunican a avenida de Rosalía de Castro e a Rúa Nova de Abaixo xa están convertidas nun "museo da arte urbana" grazas á intervención de oito artistas referentes no muralismo galego: Møu, Xoana Almar, Miguel Peralta, Sekone, Sokram, Lidia Cao, Yoseba Muruzábal e Nove Noel. A actuación foi impulsada pola Concellaría de Xuventude co obxectivo de recuperar e poñer en valor este espazo.
A concelleira de Xuventude, María Rozas, visitou este mércores as galerías para coñecer o resultado da intervención, realizada ao longo do último mes. Rozas destacou que "estas galerías eran un espazo que moitos veciños e veciñas intentaban evitar, pero agora van ser un lugar que quereremos visitar, un verdadeiro museo da arte urbana".
A tenenta de alcaldesa sinalou que esta actuación é pioneira en Santiago ao desenvolverse nun espazo interior e reunir diferentes artistas que realizaron obras individuais e tamén unha creación conxunta na entrada pola Rúa Nova de Abaixo. Ademais, agradeceu a participación de "artistas de altísimo nivel, que son referentes en todo o Estado, e que suman novas obras ao patrimonio muralístico de Compostela".

Na visita tamén participaron varios doa artistas, que reivindicaron a calidade do muralismo galego e cualificaron a iniciativa como "un punto de inflexión" para dar visibilidade á arte urbana en Santiago. Os artistas explicaron que o proxecto permitiu facer realidade a idea dunha exposición permanente dedicada ao muralismo galego.
A intervención abrangue unha superficie de 220 metros cadrados distribuídos ao longo das galerías. Cada artista realizou unha obra con liberdade creativa e respectando o seu estilo, mentres que na entrada desde a Rúa Nova de Abaixo desenvolveron unha creación conxunta.











