O PP culpa ao goberno local do incendio da escombreira de Laraño por ignorar as advertencias veciñais
Os populares aseguran que xa alertaran da situación en marzo e piden actuar noutros vertedoiros ilegais do rural

O PP de Santiago responsabilizou este mércores ao goberno local do incendio rexistrado na escombreira de Laraño ao considerar que ignorou os avisos realizados pola veciñanza e tamén polo propio grupo municipal. O concelleiro popular Adrián Villa asegurou que a formación advertira formalmente da situación o pasado mes de marzo.
Segundo explicou Villa, o Partido Popular denunciara a existencia de varios vertedoiros ilegais en diferentes parroquias do municipio e reclamara actuacións antes da chegada da primavera e do verán para evitar o risco de incendios. Ao seu xuízo, o lume de Laraño demostra que esas advertencias non foron atendidas.
Os populares sosteñen que existen outros puntos similares no rural compostelán que poderían provocar novos incendios e instan ao Concello a actuar para eliminar estes depósitos de residuos.
Ademais, o PP reclamou modificar o funcionamento do punto limpo do polígono do Tambre, ao considerar que as limitacións para depositar entullo favorecen a aparición de vertedoiros ilegais.











