O PP acusa ao BNG de manter paralizada a ampliación do Ceip Quiroga Palacios
Borja Rubio critica a "politización" da ANPA Athenea e reclama desbloquear o proxecto

O concelleiro do PP de Santiago Borja Rubio asegurou este mércores que "o importante é ampliar o Ceip Cardeal Quiroga Palacios e a realidade é que o BNG ten hoxe esa ampliación paralizada". Ao seu xuízo, a prioridade debe ser dar resposta ás necesidades da comunidade educativa e non manter un enfrontamento político.
Rubio sostivo que "as familias non necesitan unha batalla política nin un intercambio de acusacións", senón solucións para dotar o centro de máis e mellores espazos. Neste sentido, pediu ao goberno local que facilite a tramitación da ampliación e "deixe de poñer obstáculos" ao proxecto.
O edil popular cualificou tamén de "lamentable e preocupante" a "politización" da Anpa Athenea tras o comunicado difundido pola asociación. Segundo afirmou, unha ANPA "representa familias plurais" e resulta "impropio que entre directamente na confrontación partidista e cargue contra partidos políticos".
Así mesmo, defendeu que as asociacións de nais e pais deben ser "independentes, reivindicativas e esixentes con todas as administracións, goberne quen goberne", e advertiu de que, se participan no debate entre partidos, "corren o risco de deixar de representar esa pluralidade".
Rubio concluíu reclamando "menos política e máis solucións" e insistiu en que o Concello debe desbloquear a ampliación do Ceip Quiroga Palacios porque, ao seu xuízo, "os nenos e as familias non poden seguir esperando".












