O Concello asegura que o "malentendido" coa Xunta pola ampliación do Quiroga Palacios xa está aclarado
Louzao afirma que a cesión da parcela se tramitou "en tempo marca", mentres a ANPA insiste en reclamar unha ampliación maior do centro

A concelleira de Educación de Santiago, Míriam Louzao, asegurou que o "malentendido" que puido haber coa Consellería de Educación respecto da ampliación do Ceip Quiroga Palacios xa fora "aclarado" entre os técnicos. Con todo, quedou a disposición do departamento autonómico para calquera outra "aclaración" necesaria, ademais de solicitar unha reunión co director territorial para que se licite "canto antes" a obra.
Estas declaracións chegan despois de que o martes o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, cualificase de "chantaxe" a actuación do goberno local e denunciase un suposto "incumprimento legal" na cesión dos terreos necesarios para a ampliación do centro.
"Non se lle está pedindo iso", precisou este mércores Míriam Louzao, que indicou que a parcela "nin sequera ten" a dimensión aludida por Rodríguez, senón que é de 10.083 metros cadrados. Preguntada por este asunto nunha rolda de prensa, Louzao mostrouse "sorprendida" pola reacción do conselleiro, dado que, ao seu modo de ver, esta era unha cuestión xa "aclarada" entre os técnicos.
Segundo explicou, a Consellería solicitou a parcela a finais de febreiro e remitiu o anteproxecto o pasado 29 de maio. Pola súa banda, o Concello aprobou a posta á disposición dos terreos na Xunta de Goberno Local do 13 de xullo. "Coñecendo os tempos da administración, houbo unha implicación absoluta por parte do Concello de Santiago para que se puxese a disposición esa parte da parcela canto antes porque consideramos que é moi necesaria", afirmou.
Nas súas declaracións do martes, Román Rodríguez cualificou de "chantaxe" a actitude do goberno local e lembrou que os concellos teñen a "obriga" de poñer á disposición da Xunta os terreos necesarios para construír centros educativos. "Eu non quero polemizar e non quero escusas. Só quero deixar moi claro ás familias que, se dentro dun ano temos problemas de espazo, é única e exclusivamente responsabilidade do Concello, que fai unha cesión envelenada para que obviamente non se acepte", asegurou.
Unha ampliación maior
Por outra banda, a Anpa Athenea -vinculada ao centro-, que se pronunciou sobre o sucedido nun comunicado, insistiu en que existe un "incumprimento" legal por "espazos mínimos" dos que carece o centro, motivo polo que denunciou á Xunta ante a Valedora do Pobo, que abriu unha investigación respecto diso. Neste sentido, lamentou que a Xunta limite a ampliación a un aulario de Infantil, "sen contemplar o resto de espazos necesarios", como un novo comedor que "libere para outros usos" o espazo do actual.
Esta é a mesma formulación apoiada polo Concello, que, tras a solicitude da parcela realizada pola Xunta, considerou "adecuado" pór a disposición da Administración autonómica o total da parcela, que supón os 10.000 metros cadrados referidos. "Pero cando a Xunta nos transmitiu a súa idea de que só querían eses menos de 2.000 metros, puxémonos a traballar inmediatamente para polos á súa disposición", debullou Louzao.
Segundo detallou o Concello, o resto da parcela seguirá usándose de aparcadoiro e, ademais, a Consellería prevé un acceso independente a este novo aulario a través desa zona. A este respecto, o persoal técnico municipal considera que este novo acceso e a reordenación do espazo tras a "afectación" da obra "debe ser acometido pola Consellería".
Neste sentido, a Anpa valorou, "polo sinalado a través dos medios de comunicación", que a Xunta "non" dotará ao centro da infraestrutura demandada pola representación das familias e que, ademais, "non quere acondicionar o espazo onde se vai a facer a obra, tal e como obriga a lexislación e toda a lóxica". "Incomprensiblemente está cuestión está a ser obxecto de debate", reprochou.













