O PSdeG reclama prazos para crear o Conservatorio Profesional de Danza de Santiago
Os socialistas levarán ao Pleno unha moción para que a Xunta remate este ano o estudo sobre a demanda e fixe un calendario para a posta en marcha do centro

O Grupo Municipal Socialista defenderá no Pleno deste mes unha moción para reclamar á Xunta de Galicia que avance con prazos concretos na creación do Conservatorio Profesional de Danza de Santiago.
A iniciativa insta ao Goberno galego a cumprir o acordo aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia e rematar antes do 31 de decembro o estudo sobre a demanda da formación regrada en danza, como primeiro paso para planificar o futuro centro.
A concelleira socialista Marta Abal asegurou que se trata dunha "reivindicación histórica" das familias, do alumnado e do sector da danza. "Na actualidade, moitas familias da área de Compostela vense obrigadas a desprazarse centos de quilómetros cada semana ata Lugo ou mesmo a renunciar a esta formación porque en Santiago aínda non existe un centro público destas características", advertiu.
Abal lembrou que o Parlamento galego aprobou recentemente por unanimidade unha iniciativa para elaborar este estudo e considerou que ese respaldo debe traducirse agora en actuacións concretas. "É o momento de pasar das promesas aos feitos e demostrar que o compromiso adquirido coa cidade non quedou reducido a unha mensaxe de campaña", afirmou.
A moción tamén insta ao PP de Santiago a apoiar esta reivindicación e cumprir coa promesa electoral de impulsar o Conservatorio Profesional de Danza na cidade.
Para rematar, a edil socialista defendeu que Compostela reúne as condicións necesarias para contar cun centro destas características. "Compostela ten demanda, ten tradición e merece contar cun Conservatorio Profesional de Danza. O que fai falta agora é vontade política para deixar atrás anos de espera e ofrecer unha resposta ás familias e ao sector", concluíu.













