A USC lidera un proxecto para crear unha ferramenta de etiquetado semántico baseada en intelixencia artificial
Persoal investigador de oito universidades reuniuse en Pontevedra para avanzar no desenvolvemento dun sistema multilingüe que mellorará a tradución automática

Persoal investigador de oito universidades reuniuse este venres na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra (UVigo) nunha xornada promovida polo proxecto de investigación ESMAS-ES+, do que a profesora da USC Maria José Domínguez é a coordinadora xeral. O proxecto ten como obxectivo o deseño dunha ferramenta de etiquetado semántico automática e multilingüe, que facilite a análise do significado das palabras e expresións por parte dos sistemas informáticos.
Seleccionado na convocatoria Generación de Conocimiento, do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, no desenvolvemento deste prototipo toman parte especialistas das tres universidades públicas galegas e da Real Academia Galega, así como das universidades de Valencia, Complutense de Madrid e Autónoma de Barcelona, da Universidade de Minho e da Pontifica Universidad Católica de Valparaíso (Chile).
Iniciado no 2023, ESMAS-ES+ é un proxecto que combina lingüística, tecnoloxía e intelixencia artificial para o desenvolvemento dun etiquetador semántico co que incorporar descricións sobre o significado e contexto das palabras, o que á súa vez permitiría optimizar ferramentas de intelixencia artificial, tradución automática ou análise de información.
A xuntanza deste venres abriu cunha reunión de traballo interno, centrada nas metodoloxías, ferramentas e rutas semánticas desenvolvidas no marco dun proxecto centrado no desenvolvemento dese prototipo e “na aplicación de ontoloxías léxicas, anotación semántica e intelixencia artificial ao procesamento lingüístico”, explican.
Tras a reunión de traballo, a xornada complétase cunha sesión aberta á cidadanía, inserida nas accións formativas do European Master en Lexicography (EMLex), un mestrado internacional especializado en lexicografía que leva a cabo diferentes iniciativas na UVigo. Esta sesión abrangue unha presentación de María José Domínguez sobre o proxecto e outra na que Carlos Valcárcel, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e coordinador do proxecto na UVigo, afonda no funcionamento das etiquetas semánticas que emprega este prototipo. Esta actividade complétase á súa vez cun taller práctico de introdución ao uso destas etiquetas e das rutas ontolóxicas.
ESMAS-ES+ ten como obxectivo principal “desenvolver e verificar un método combinado para o deseño dun prototipo de etiquetador semántico automático e multilingüe”, que englobe alemán, español, francés e galego. Nomeadamente, apunta o equipo investigador, búscase desenvolver un modelo “que permita describir e codificar automaticamente a complexidade dos sistemas lingüísticos”, a través da combinación de semántica combinatoria, ontoloxías e bases de datos léxicas, técnicas e estratexias de linguaxe natural, técnicas estatísticas e ferramentas deseñadas para a xeración automática de linguaxe, como sistemas baseados en intelixencia artificial.
Esta ferramenta, apunta Valcárcel, podería ter aplicacións en diferentes eidos, permitindo “automatizar a almacenaxe e a procura de grandes cantidades de textos, non só por palabras exactas, senón por temas ou conceptos cos que se relacionan as palabras que conteñen”. Do mesmo xeito, podería “optimizar ferramentas de intelixencia artificial, tradución automática ou análise de información”, ao tempo que podería empregarse para elaboración de dicionarios ou de recursos e actividades para a aprendizaxe de idiomas.












