A USC recoñece a excelencia das mellores teses de doutoramento do curso 2023/24
A reitora Rosa M. Crujeiras presidiu o acto de entrega dos premios extraordinarios de doutoramento e reivindicou o investimento en investigación e na retención do talento

“Cada tese doutoral amplía, aínda que sexa nunha pequena parte, o que sabemos sobre o mundo”. Deste xeito definía a reitora da Universidade de Santiago, Rosa M. Crujeiras, o resultado do esforzo das doutoras e doutores que este martes recolleron o premio extraordinario á excelencia que lles concede a USC.
Na cerimonia en recoñecemento aos mellores doutoramentos interviñeron ademais a directora da Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS), María Isabel Neira Gómez; a vicerreitora de Ordenación Académica e Oferta, María de los Reyes Laguna Francia; e Julia Rey Brandariz, doutora pola USC no Programa de Doutoramento en Epidemioloxía e Saúde Pública, e premio extraordinario da área de Ciencias da Saúde nesta convocatoria 2023/24.
Para Crujeiras, “este é un dos actos académicos máis fermosos que celebramos ao longo do curso, porque non recoñecemos só un excelente expediente académico nin unha tese doutoral especialmente destacada senón o valor dunha etapa de formación que representa a máxima expresión do compromiso dunha universidade co coñecemento”. “É tamén -dixo- un recoñecemento a anos de dedicación, de estudo, de preguntas sen resposta inmediata, de resultados que ás veces chegaron despois de moitos intentos e de aprendizaxe constante”.
“Formar unha doutora ou un doutor -advertiu a reitora- non consiste unicamente en transmitir coñecementos nin en ensinar unha metodoloxía de investigación. Significa incorporar unha persoa a unha comunidade internacional que comparte unha maneira de entender a ciencia: desde o rigor, desde a curiosidade intelectual, desde o contraste permanente das ideas e desde o compromiso co coñecemento como un ben común”.
Rematou o discurso diante as persoas premiadas, das súas directoras e directores de tese e de familiares e achegados cun reto e un desexo: “Temos a responsabilidade de crear as mellores condicións posibles para que o talento queira quedar, medrar e desenvolver aquí os seus proxectos, e temos tamén a responsabilidade de seguir defendendo, diante das administracións e da sociedade, que investir nas persoas que investigan non é un gasto senón unha das decisións máis intelixentes que un país pode tomar”.












