O PSdeG denuncia que a Xunta recomenda aos pacientes de Conxo levar o seu propio ventilador
Aitor Bouza critica a falta de climatización no Hospital de Conxo e anuncia iniciativas no Parlamento para reclamar que rematen as obras e se garantan condicións dignas para pacientes e familiares

O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, denunciou este martes a situación que, segundo afirma, están a sufrir pacientes e familiares no Hospital de Conxo polas altas temperaturas rexistradas nas habitacións, unha circunstancia que atribúe á falta de climatización do centro.
Bouza asegurou que a área sanitaria de Santiago-Barbanza "volve ser noticia por malas noticias" e criticou as condicións nas que permanecen as persoas ingresadas. Segundo indicou, nalgúns cuartos chegarían a rexistrarse temperaturas de ata 30 graos.
O dirixente socialista censurou que a Xunta continúe presentando as obras de climatización como practicamente rematadas cando, ao seu xuízo, a realidade demostra que seguen sen resolver un problema que afecta directamente ao benestar dos pacientes.
Ademais, acusou á Consellería de Sanidade de recomendar aos pacientes que leven o seu propio ventilador como solución provisional, unha medida que cualificou de "absolutamente vergoñenta" por considerar que traslada aos usuarios unha responsabilidade que corresponde á Administración.
Ante esta situación, Bouza anunciou que o PSdeG levará o asunto ao Parlamento de Galicia para reclamar que as obras de climatización se completen "canto antes" e garantir que "o sistema de climatización sexa unha realidade e non só unha promesa".
O deputado tamén advertiu de que non pode haber "pacientes de primeira e pacientes de segunda" e reclamou ao Goberno galego que actúe con urxencia para asegurar unha atención sanitaria "en condicións dignas" no Hospital de Conxo.













