Airas Nunes Aula de Cámara leva seis concertos gratuítos a distintos espazos de Santiago
O encontro reúne alumnado e profesorado de referencia da música clásica europea e desenvolverase ata o 11 de xullo

Santiago converterase durante esta semana nun punto de encontro para novas promesas da música clásica coa celebración dunha nova edición de Airas Nunes Aula de Cámara, unha iniciativa que conta coa colaboración do Concello a través da Concellería de Capital Cultural e que reúne estudantes e profesorado de referencia do panorama musical europeo.
O programa combina formación especializada e concertos abertos ao público, dirixidos tanto a agrupacións de cámara como a solistas. O curso está pensado para alumnado de posgrao, máster e grao superior, así como para estudantes dos últimos cursos de grao profesional con especial proxección.
A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, puxo en valor o apoio municipal a este tipo de iniciativas, que responden ao compromiso do Goberno local de entender a cultura "como un dereito". Ademais, lembrou que todos os concertos programados son de acceso libre para a cidadanía.
A programación arrancará este martes, 7 de xullo, co recital do Carus Trio, que interpretará obras de Ludwig van Beethoven e Clara Schumann na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, a partir das 20.30 horas.
O mércores 8 será a quenda do Cuarteto Brétema, que ofrecerá un concerto na Casa das Máquinas con composicións de Wolfgang Amadeus Mozart, Robert Schumann e Gustav Mahler.
A mesma localización acollerá o xoves 9 a actuación do Duo Satori, cun repertorio integrado por pezas de Clara Schumann, Maurice Ravel, Beethoven e Paul Schoenfeld.
O venres 10 de xullo, o Teatro Principal recibirá ao Duo Pavageau-De Diego, que interpretará obras de Beethoven, Mozart e Ravel, tamén ás 20.30 horas.
A clausura terá lugar o sábado 11 de xullo no CGAC, cun dobre programa. Ás 12.00 horas actuarán o Duo ArCo e o Quinteto Invicta, con obras de Franz Schubert e César Franck, mentres que ás 20.00 horas celebrarase o tradicional concerto de solistas que porá o peche a esta edición de Airas Nunes Aula de Cámara.












