A USC acolle o VI Congreso Innovatia 8.3 para impulsar o emprendemento con perspectiva de xénero
A reitora Rosa Crujeiras reivindica a integración da igualdade nas políticas universitarias durante un encontro que reuniu representantes institucionais, emprendedoras e persoal investigador

O Instituto das Mulleres e a USC organizaron este luns en Santiago o VI Congreso INNOVATIA 8.3, encontro de referencia no eido do emprendemento e a transferencia de coñecemento con perspectiva de xénero. O evento, que se desenvolveu no Paraninfo da Universidade, reuniu representantes institucionais, profesionais do ámbito académico, emprendedoras e axentes clave do ecosistema de innovación.
Xunto coa directora do Instituto de las Mujeres, Cristina Hernández, o congreso inaugurouno a reitora da USC, Rosa M. Crujeiras, para quen as universidades “temos como unha das nosas grandes misións a transferencia de coñecemento á sociedade, o que non supón unicamente transferir resultados senón tamén unha maneira de entender o coñecemento, unha forma de relacionarse coa sociedade e unha determinada concepción da excelencia”.
E nese proceso, continuou a reitora, “existen sesgos, barreras invisibles e dinámicas organizativas que dificultan que todo o talento atope as mesmas oportunidades para desenvolverse”. Precisamente aí radica, dixo, unha das grandes achegas de Innovatia 8.3 -unha alianza que data de 2011 entre a USC e o Instituto de las Mujeres-, “xa que demostrou que incorporar a perspectiva de xénero non significa engadir un elemento máis ás políticas de transferencia; supón ampliar a nosa capacidade para identificar talento, para detectar oportunidades de innovación, para revisar procedementos que críamos neutros e para construír un ecosistema emprendedor máis diverso, máis intelixente e, en definitiva, máis eficaz”.
Como reitora, insistiu Crujeiras, “estou convencida de que as políticas de igualdade alcanzan a súa verdadeira dimensión cando deixan de entenderse como actuacións específicas e pasan a formar parte da maneira en que unha universidade toma decisións, organiza os seus procesos e define as súas prioridades”.
Programa completo
Baixo o lema ‘Transferencia de coñecemento e emprendemento con perspectiva de xénero’, o congreso ofreceu un completo programa que incluíu, entre outras accións, unha sesión especial sobre os 15 anos de INNOVATIA 8.3 na que se analizou o camiño percorrido, os avances logrados e os retos futuros do programa e unha mesa dedicada ás accións do programa, na que se compartiron casos reais de éxito e experiencias en iniciativas como misións comerciais, redes de apoio e colaboración entre entidades.
Ademais, no transcurso da xornada entregáronse os premios do V Concurso INNOVATIA 8.3, que recoñece os mellores proxectos empresariais en distintas categorías. Así, na de Proxecto Empresarial Base Tecnolóxica o galardón foi para Diversa Technologies, de María de la Fuente; o de Proxecto Empresarial Star up para Nataly, de Olivia Génova, e o de Proxecto Empresarial con Impacto Social recaeu en Jemima Sánchez, de Sentido Inverso.












