Santiago abre o prazo para solicitar praza nos comedores e madrugadores con nova aplicación municipal
As familias deberán realizar a preinscrición entre o 7 e o 27 de xullo, tamén as que xa son usuarias, para acceder ao servizo no curso 2026-2027

A Xunta de Goberno Local aprobou este luns o procedemento administrativo para solicitar praza nos servizos de madrugadores e de comedor durante o curso 2026-2027 na rede municipal, que inclúe dez colexios de educación infantil e primaria (CEIP) e as tres escolas rurais.
Trátase dos CEIP Apóstolo Santiago, Cardeal Quiroga Palacios, As Fontiñas, Roxos, Vite, Mestre Rodríguez Xixirei, Monte dos Postes, Raíña Fabiola, Ramón Cabanillas e Arquitecto Casas Novoa (só madrugadores); e, este ano como novidade, as escolas rurais Bispo Teodomiro; O Gaioso, no Eixo; e O Rial, en Laraño.
A portavoz municipal e concelleira de Educación, Míriam Louzao, destacou que este ano o procedemento de preinscrición é obrigado para todas as persoas que queiran facer uso do servizo de comedor escolar o vindeiro curso, xa que se habilita unha nova aplicación para a xestión coas familias e é necesario que se acrediten como usuarias.
“Esta aplicación, propiedade do Concello, é unha das novidades do novo modelo de comedores que estamos implementando. Ata o de agora cada empresa adxudicataria propoñía a súa aplicación que cambiaba con cada contrato, pero desde o Concello poñemos agora en marcha unha aplicación propia, de propiedade municipal, que comezará a funcionar xa mesmo”, explicou a responsable de Educación.
O goberno local avanza en novidades como a aplicación, o regulamento do servizo e a licitación dun novo contrato en lotes mentres segue a traballar na creación do servizo propio municipal.
Engadiu que o novo contrato está a piques de adxudicarse, e que inclúe melloras relacionadas coa nutrición ou con máis persoal de atención aos nenos e nenas, entre outras.
Prazo de preinscrición
A preinscrición terá que facerse do 7 ao 27 de xullo na sede electrónica do Concello ou presencialmente no Rexistro Xeral. Míriam Louzao insistiu en que este ano é obrigatoria para todas as familias usuarias, incluídas as que xa levan anos usando o servizo.
A continuación, do 30 de xullo ao 19 de agosto será o período para cubrir a información e achegar a documentación necesaria. Para facelo, as familias preinscritas recibirán unha ligazón que recibirán as persoas preinscritas no seu correo.
O 21 de agosto publicaranse as listaxes de admisión e no caso de que o número de solicitudes presentadas no prazo ordinario supere a capacidade máxima autorizada para cada espazo de comedor asignaranse as prazas de acordo cos seguintes criterios de prioridade: primeiro, grupos de especial protección social e vulnerabilidade; segundo, necesidade de conciliación laboral; e por último outros supostos.











