O Delas Fest levará catro novos murais feministas a Santiago, Brión e Negreira este verán
A oitava edición do festival de arte urbana contará con artistas de Galicia e México e manterá a súa aposta pola creación participativa e o diálogo coa veciñanza antes de cada intervención

A oitava edición do Delas Fest levará este verán catro novas intervencións murais a Santiago, Brión e Negreira da man de artistas de Galicia e México, consolidando un programa que se reivindica como o primeiro festival europeo de arte urbana con perspectiva de xénero. A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentou este luns a programación no Pazo de Raxoi, acompañada por representantes da Deputación da Coruña, dos concellos colaboradores e da cooperativa 7H, organizadora da iniciativa.
Durante a presentación, Louzao destacou que o Delas Fest "é unha referencia no circuíto estatal" e un proxecto que contribúe a facer de Compostela unha capital cultural "acolledora", onde artistas de diferentes países colaboran coa veciñanza para crear obras inspiradas nas súas historias, lembranzas e memoria colectiva.
O deputado provincial de Patrimonio, Xosé Penas, puxo o foco no carácter transformador do festival, mentres que a concelleira de Cultura de Brión, Sandy Cebral, reivindicou o impacto que ten nos municipios participantes ao "dar vida aos concellos e aos nosos muros". Pola súa banda, o técnico de Cultura de Negreira, Marcos Pérez, expresou a satisfacción do municipio por repetir participación nesta edición.
En representación da organización, Clara Rodríguez Cordeiro explicou que o Delas Fest vai moito máis alá das obras finais, xa que o proceso de creación baséase na participación cidadá e na construción colectiva. "Non é só a obra artística, é todo o que nos leva ata ese punto final", sinalou.
Catro murais e un proceso participativo
O festival manterá a súa aposta polo traballo contextual, no que as artistas conviven durante varios días coa veciñanza para coñecer a historia e a identidade dos lugares onde intervirán.
Nesta edición participarán as mexicanas Janín Nuz, que realizará un mural na rúa Cruz da Nogueira de Santiago, e Yuda, que actuará na rúa Suarribas; así como as galegas Nana, encargada da intervención na piscina municipal de Brión, e Isa Bermúdez, que pintará na Unidade de Atención Temperá de Negreira.
As intervencións desenvolveranse entre o 13 e o 19 de xullo en Santiago, do 17 ao 23 de xullo en Brión e do 27 de xullo ao 2 de agosto en Negreira.
Antes de comezar os murais, as creadoras participarán en roteiros, encontros coa veciñanza e actividades de inmersión contextual que servirán para elaborar os bosquexos definitivos. En Compostela, por exemplo, visitarán o barrio de Conxo, percorrerán os seus murais e manterán encontros coas anfitrioas da zona.
Novas obras para o roteiro de muralismo compostelán
Os dous murais previstos en Santiago incorporaranse ao programa Muralismo en Compostela, presentado recentemente polo Concello, que reúne xa 46 obras repartidas pola cidade e que poden consultarse a través da web de Turismo de Santiago.
O cartel desta edición foi creado pola artista lucense Pía Piadosa, mentres que a cooperativa A Furna será a encargada da documentación audiovisual de todo o proceso creativo.













