Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

Santiago recibe a 62 estudantes de 18 países na XXXVI edición dos Cursos Galego sen Fronteiras

O programa do Instituto da Lingua Galega e da Real Academia Galega reúne durante tres semanas alumnado internacional para afondar na lingua e na cultura galegas 

Os Cursos Galego sen Fronteiras desde 1988 reuniron máis de 2.500 participantes de todo o mundo
Os Cursos Galego sen Fronteiras desde 1988 reuniron máis de 2.500 participantes de todo o mundo
Santi Alvite
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620
MCDONALDS 620X50

Os XXXVI Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” arrincaron este mediodía en Santiago de Compostela co acto de benvida aos 62 estudantes procedentes de dezaoito países de Europa, Asia e América que participan na convocatoria do programa que organizan o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e a Real Academia Galega. A recepción celebrouse na Facultade de Filosofía, onde se desenvolverá durante tres semanas a meirande parte dun programa que constitúe un espazo de enriquecemento mutuo e de proxección exterior do idioma e da cultura galegas.

Alén de clases teóricas e prácticas de galego, o programa, apoiado pola Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, inclúe conferencias e obradoiros de música e baile tradicional, entre outras actividades. O acto de hoxe foi o primeiro punto de encontro, un recibimento no que interviñeron o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; a directora dos cursos, a académica María López-Sández; a directora do ILG, Elisa Fernández Rei; a vicerreitora de Estudantes, Igualdade, Diversidade e Benestar da USC, Lorena Añón Loureiro; e o secretario xeral da Lingua, Valentín García.

Desde a súa posta en marcha en 1988, polas aulas dos Cursos Galego sen fronteiras pasaron máis de 2.500 estudantes de todo o mundo. Nesta nova convocatoria contará con estudantes internacionais de nacionalidade alemá, arxentina, brasileira, británica, checa, colombiana, cubana, estadounidense, húngara, india, italiana, polaca, portuguesa, rusa, suíza, uzbeka e xamaicana, así como alumnado doutras comunidades autónomas de España.

Parafraseando o texto 'Viaxar para ler o mundo. Viaxar para lerme', de Begoña Caamaño, protagonista das Letras Galegas 2026, o presidente da Real Academia Galega convida o alumnado a “ler Galicia, a súa xente” e reivindica o enriquecemento mutuo que son os Cursos Galego sen fronteiras, tanto para o alumnado coma para o pobo que os recibe. “Lernos aos galegos e galegas non xa a través das páxinas dos libros, ou das clases nas vosas universidades de orixe, é unha oportunidade única para serdes conscientes de como esta estadía en Galicia muda dalgún xeito o voso pensamento, como establecedes novas complicidades e gozades da diversidade. Cando regresedes ás vosas casas, seredes dalgún xeito outras persoas, máis sabias, como Caamaño dicía. Tamén nós, porque vós nos enriquecedes coa vosa ollada do mundo e de Galicia, e co vínculo que vos ha unir a Galicia coidamos que xa para sempre”.

Pola súa banda, a vicerreitora tamén salientou a dimensión de punto de encontro entre culturas destes cursos. “Galicia, Santiago de Compostela e a USC son lugares de chegada, de acollida e de benvida. Máis tamén son espazos onde a través da lingua e da cultura se crea comunidade. Xa lembraba Otero Pedrayo que a lingua é a expresión máis fonda da alma dun pobo”, expresou. “Confiamos en que todas as persoas que chegades hoxe á nosa Universidade compartades coñecementos e experiencias, e que poidades levarvos convosco non só a pegada da aprendizaxe, senón tamén parte desta alma da nosa lingua, de xermolo do pensamento propio, da nosa cultura e do noso pobo”, engadiu Lorena  Añón Loureiro.

A directora dos Cursos presentou un programa que, alén das clases teóricas e prácticas, permitiralle ao alumnado escoitar e conversar con distintas voces da escena cultural galega. “O calendario de palestras vai da literatura ao audiovisual actual, cun coloquio co académico Manuel Rivas e mais outro arredor do documental '360 curvas. Nacer a medio camiño', que comentarán os seus directores, Manuel Lucas e Alejandro Gándara. Contemplamos tamén un achegamento a tres figuras que celebramos este ano: as xa históricas de Lamas Carvajal, fundador d'O Tío Marcos da Portela, da man do académico correspondente Afonso Vázquez-Monxardín, e Ramón Otero Pedrayo, con Patricia Arias Chachero; e mais Begoña Caamaño, de quen falará a académica Marilar Aleixandre poñendo o foco na súa reescritura contemporánea dos mitos”, debulla María López-Sández.

A proposta de actividades inclúe ademais un obradoiro de baile con Mercedes Prieto, e senllas olladas ás cantigas tradicionais con Sergio de la Ossa e Ugia Pedreira.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620