O Auditorio de Galicia despide a exposición 'Antifémina. Colita' cunha última visita guiada
O percorrido comentado celebrarase o 9 de xullo e permitirá afondar na historia do libro feminista de Colita e Maria Aurèlia Capmany antes do peche da mostra o 1 de agosto

A exposición 'Antifémina. Colita' entra na súa recta final no Auditorio de Galicia. Antes da súa clausura o vindeiro 1 de agosto, o centro ofrecerá unha última visita guiada, que arrancará na Sala Isaac Díaz Pardo o vindeiro xoves 9 de xullo, ás 19.00 horas, e que permitirá descubrir en profundidade unha das propostas expositivas máis destacadas da tempada de artes visuais.
A exposición recupera para o formato expositivo o histórico libro publicado en 1977 pola fotógrafa catalá Isabel Steva 'Colita' e a escritora Maria Aurèlia Capmany, considerado co paso do tempo o primeiro libro gráfico abertamente feminista da Transición. Retirado do mercado pouco despois da súa publicación, converteuse nunha obra de referencia pola súa mirada crítica sobre os estereotipos da feminidade durante o tardofranquismo.
A mostra reúne máis de 130 fotografías organizadas en dez seccións que propoñen un percorrido pola representación das mulleres na sociedade española da época, abordando cuestións como o traballo, a relixión, a maternidade, a prostitución, a vellez, a cousificación ou a marxinación. A través da fotografía de Colita e dos textos de Capmany, Antifémina constrúe un discurso que continúa plenamente vixente e invita á reflexión sobre a igualdade e os dereitos das mulleres.
A visita, guiada polo historiador Xosé Antón Serén, permitirá contextualizar a exposición, coñecer a historia do libro e descubrir as claves dunha obra que, cincuenta anos despois da súa creación, continúa interpelando o presente. Cunha duración aproximada de 45 minutos, será a última oportunidade de realizar un percorrido comentado antes da clausura da mostra. A actividade será de balde e sen necesidade de inscrición previa. As persoas interesadas só deberán presentarse uns minutos antes do inicio da visita na recepción do Auditorio de Galicia.











