Curtocircuíto encara a súa segunda metade con cinema expandido, fotografía e concertos audiovisuais
O festival programa esta semana encontros con Aleix Plademunt, Tono Mejuto e Ricardo Cases, ademais de propostas de Arvin Dola, Ryoichi Kurokawa e Los Sara Fontan

Curtocircuíto entra na súa segunda metade mantendo a aposta por unha programación que pon en diálogo cinema, artes visuais, pensamento e creación sonora. Tras as primeiras xornadas de competición e os encontros arredor de 'Despois das cidades', o festival continúa este xoves con novas sesións das competicións oficiais Cosmos, Planeta GZ e Supernova, ademais de varias actividades que afondan na relación entre territorio, imaxe e creación contemporánea.
A xornada comezará ás 11.00 horas coa conversa do fotógrafo e cineasta Aleix Plademunt na sede de Afundación, arredor da súa práctica artística e do diálogo entre fotografía e cinema. Xa pola tarde, ás 19.00 horas, NUMAX acollerá un encontro co artista e cineasta galego Tono Mejuto, dentro da sección Terra, dedicada a creadoras e creadores de Galicia cunha traxectoria consolidada. A sesión propoñerá un percorrido pola súa obra e pola súa investigación arredor das formas de habitar o territorio, poñendo o foco no carácter híbrido do seu traballo entre cinema, instalación e artes visuais.
Ás 20.30 horas, o Teatro Principal recibirá o fotógrafo Ricardo Cases, unha das voces máis singulares da fotografía española contemporánea. No encontro, o autor realizará un percorrido pola súa traxectoria e polo seu arquivo, compartindo a súa metodoloxía de traballo e unha maneira de observar o territorio que transforma o cotián en relatos abertos, poéticos e cheos de humor.
A xornada pecharase na Carballeira de Santa Susana co concerto audiovisual 'O Ghost', creada polo compositor e multiinstrumentista andaluz Arvin Dola xunto á artista visual estadounidense Irene Gaumé. A peza adapta ao directo o álbum de estrea de Dola mediante unha combinación de sintetizadores, voz e violonchelo cun dispositivo visual construído a partir de fotografía dixital, técnicas de focus stacking e intelixencia artificial, dando lugar a unha experiencia inmersiva arredor da memoria, a identidade e a transformación constante entre o analóxico e o dixital.
O venres 3 de xullo, Curtocircuíto propoñerá un dos percorridos máis singulares desta edición, articulando nunha mesma xornada distintas formas de cinema expandido, performance audiovisual e música en directo. O itinerario comezará coa proxección de 'Krakatoa', de Carlos Casas, unha experiencia de cinema expandido que incorpora performance lumínica e que explora os límites entre realidade, mito e inconsciente a partir dunha viaxe sensorial a unha illa volcánica remota.
A programación continuará coa proposta audiovisual do artista xaponés Ryoichi Kurokawa, unha das referencias internacionais da creación audiovisual en directo, cuxo traballo combina son, imaxe e tecnoloxía para construír experiencias inmersivas de grande intensidade sensorial.
O percorrido culminará no aparcadoiro do Auditorio de Galicia coa estrea de 'Consuelo no parking: un concerto iluminado por coches', unha creación concibida especificamente para Curtocircuíto por Los Sara Fontan e a fotógrafa compostelá Tamara de la Fuente. A proposta establece un diálogo entre a cultura do parkineo e a música experimental a través dun concerto iluminado por automóbiles, combinando violíns procesados, ritmos irregulares e un dispositivo lumínico que converte o espazo nun lugar de encontro colectivo, celebración e experimentación audiovisual.











