Verea celebra o novo aparcadoiro do Clínico e reclama acelerar a súa execución
O líder do PP de Santiago considera que o proxecto dá resposta a un problema histórico e pide que as obras avancen "sen demora"

O presidente do PP de Santiago, Borja Verea, valorou este martes de forma positiva o anuncio do novo aparcadoiro do Hospital Clínico e asegurou que se trata dun "bo día para Santiago", ao considerar que a actuación permitirá dar resposta a un problema que afecta desde hai anos a pacientes, familiares e profesionais sanitarios.
Verea defendeu que o proxecto supón unha solución estrutural para o complexo hospitalario, con novos accesos e unha reorganización da contorna, e lembrou que o Partido Popular xa defendera anteriormente unha actuación destas características.
O dirixente popular reclamou que a execución do proxecto avance "coa máxima rapidez" para que os seus beneficios poidan apreciarse canto antes. "Santiago necesita menos debates estériles e máis solucións útiles", afirmou.
Ademais, reivindicou a necesidade de impulsar proxectos estratéxicos para a cidade e sostivo que "as cidades avanzan porque hai xente que se atreve a propoñer solucións antes de que parezan evidentes para todo o mundo".
Preguntado pola ausencia da alcaldesa na presentación do proxecto, Verea sinalou que "cada un decide onde quere estar", aínda que engadiu que as actuacións importantes para o futuro de Santiago "merecen implicación e presenza".











