'12 Comercios, 12 Sensibilidades' promove en xullo actividades sobre crianza respectuosa en Santiago
A campaña inclúe charlas e encontros sobre maternidade, lactación e autocoidado en distintos espazos da cidade

A campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades” reivindicará no mes de xullo a crianza respectuosa e o autocoidado na maternidade, coa colaboración entre a tenda Gaia Ecocrianza e a Asociación Alecría.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, deu conta hoxe das actividades, e salientou que "este mes a campaña vai servir para informar e para sensibilizar, pero sobre todo vai permitir seguir construíndo tribo entre mulleres e entre familias que se enfrontan ao desafío da crianza".
A tenenta de alcaldesa presentou a campaña acompañada por Sonia López, de Gaia Ecocrianza; e Sabela Mariñas, secretaria da Asociación Alecría. María Rozas puxo en valor a colaboración do mes entre Gaia "que é moito máis que un comercio onde atopar os mellores produtos para a crianza, senón que leva anos sendo un lugar no que moitas familias atopan asesoramento e acompañamento emocional"; e a Asociación Alecría, "que tamén xera un espazo de apoio fundamental para as nais e as familias".
A concelleira insistiu en que "o máis importante das actividades deste mes é que permitirán que as familias, e sobre todo as mulleres, se sintan acompañadas en momentos que poden ser dunha enorme soidade na sociedade actual".
No mesmo sentido, Sonia López explicou que o obxectivo é "seguir tecendo rede entre mulleres, que somos tamén as que sostemos maioritariamente o comercio local de Santiago".
Tamén lembrou que "Gaia naceu precisamente pola necesidade de varias mulleres de poder desenvolvernos profesionalmente ao tempo que criabamos como queriamos criar ás nosas fillas".
Pola súa banda, Sabela Mariñas reivindicou o traballo de Alecría "non só no asesoramento na lactancia materna, senón como espazo de encontro entre familias".
Tamén quixo poñer en valor o papel da presidenta da asociación, Diana Luque, "que leva dez anos á fronte do colectivo, salvándolle a vida a moitas familias e impulsando iniciativas moi necesarias como o Banco de Leite do CHUS".
Actividades do mes
As actividades do mes comezan xa mañá, 2 de xullo, cunha charla sobre "Autocoidado no posparto para que as nais desfruten da crianza", a partir das 18:00 horas en Gaia Ecocrianza.
Á mesma hora e no mesmo espazo haberá outras conversas sobre porteo ergonómico o día 9, e calzado respectuoso o 30 de xullo. O 16 de xullo as actividades trasladaranse ao parque de Galeras, cunha xuntanza de familias para falar de crianza e lactancia, a partir das 18:00 horas. Por último, o 23 de xullo haberá unha charla sobre "a natureza como espazo de xogo", a partir das 17:30 no Espazo Apego.
Como é habitual, ao longo de todo o mes haberá un stand informativo sobre Alecría na tenda Gaia Ecocrianza, e realizarase un sorteo entre as persoas que o visiten.












