A USC reivindica o seu compromiso coa diversidade LGTBI+ na primeira Convivencia Con Orgullo
A universidade estrea un novo espazo de encontro, reflexión e participación para reforzar as políticas de diversidade e visibilizar as realidades do colectivo na comunidade universitaria

“No momento actual de polarización política, onde os dereitos que semellaban garantidos poden ser disputados, o compromiso institucional non pode ser tímido nin condicional. As universidades e o resto de institucións temos que afirmar con claridade de que lado estamos: do dos dereitos, da dignidade, da visibilidade e da diversidade”. Deste xeito se manifestaba este martes a vicerreitora de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar, Lorena Añón, na inauguración da I Convivencia Con Orgullo USC á que tamén asistiu o concelleiro Xesús Domínguez e o recentemente nomeado coordinador de Diversidade LGBTI+ e Cultura, Ignacio Domínguez, activista e persoa referente nos estudos LGBTI+ e queer.
Tal e como explicou Lorena Añón, “o evento que nace hoxe non é só un acto simbólico, senón que tamén representa a materialización dunha realidade que marca un fito histórico na nosa universidade, como é ter unha Vicerreitoría con competencias en diversidade LGTBI+ e cultural”. Ademais, avanzou, “supón un novo xeito de traballar no eido da diversidade LGBTI+, cun enfoque que combine visibilidade, recoñecemento, celebración, escoita e traballo”. É por iso que o evento contou cunha mesa redonda con experiencias das persoas LGBTI+ visibles da comunidade universitaria da USC e coa presentación da nova imaxe gráfica da convivencia, obra de Olivia Rodríguez.
Manifesto e cultura
Logo da xornada aberta de debate e reflexión tivo lugar no Xardín das pedras que falan a lectura do manifesto a cargo do director do Espazo de Danza da USC, Juan Carlos Zahera, que nun emotivo texto mostrou o seu compromiso coa visibilización de realidades que permanecen ocultas a través da arte, da danza.
Zahera puxo o foco na importancia da educación ao falar de diversidade: “é o instrumento que teñen todas as sociedades para investir nas xeracións vindeiras, na creación de comunidades saudables, abertas e inclusivas”. “Coa educación -dixo- conseguiremos a dignidade necesaria para construír ese camiño de reivindicación para os logros de liberdade tan necesarios e o rexeitamento á agresión e discriminación de calquera índole. Pola contra, o silencio ou a resignación é un camiño do que debemos fuxir, que mesmo debemos soterrar para que non haxa posibilidade algunha de que ningún de nós percorra”.
Rematou o discurso con palabras de lembranza e homenaxe a todas aquelas persoas que no pasado, “polo simple feito de ser ou sentir de modo distinto ao establecido e que a través dos seus sufrimentos, reivindicacións, cativerios e personalidades fixeron posible que hoxe e aquí poidamos proclamar esta a nosa semana de Orgullo LGTBIQA+”. Ao remate do manifesto tivo lugar unha performance reivindicativa de danza a cargo do grupo que dirixe.
Sesión de traballo
Esta primeira convivencia ten tamén lugar para unha sesión de traballo coordinada pola ex estudante da USC Tamara Valladares de Vera, de DemocraZia, que dinamizará a acción que ten como finalidade dialogar para reflexionar sobre as necesidades, prioridades e sobre a orientación das políticas de diversidade da comunidade LGTBI+ na USC.











