UCIN Santiago propón un plan de "tolerancia cero" contra o incivismo
A formación aposta por reforzar a ordenanza de convivencia, aumentar a presenza policial e protexer o patrimonio histórico

UCIN Santiago presentou este luns a iniciativa 'Santiago – Tolerancia 0', un plan co que pretende reforzar a loita contra o incivismo e mellorar a convivencia na cidade mediante cambios na Ordenanza Municipal de Convivencia e un maior control sobre as condutas que deterioran o espazo público.
A formación propón clasificar as infraccións en leves, graves e moi graves, incrementar a protección do casco histórico, reforzar a presenza da Policía Local nas zonas con máis incidencias e desenvolver campañas de educación e sensibilización cidadá. Tamén defende un réxime sancionador proporcional á gravidade das infraccións.
O coordinador de UCIN Santiago, Diego Adrián Mallo, asegurou que o obxectivo da iniciativa "non é recadatorio", senón previr o incivismo e garantir o respecto polos espazos públicos e polo patrimonio da cidade.
Segundo a formación, a proposta pretende responder ás preocupacións da veciñanza por problemas como o abandono de lixo, as pintadas, os actos vandálicos ou os danos ao mobiliario urbano, co obxectivo de facer de Santiago "un referente de civismo, limpeza e conservación do patrimonio".











