A Xunta construirá un aparcadoiro de 1.500 prazas no CHUS e propón outro provisional de 500
O futuro estacionamento formara parte da reordenación da contorna do hospital, que tamén prevé novos accesos, a ampliación das Urxencias e unha mellora da mobilidade

A Xunta de Galicia construirá un novo aparcadoiro de arredor de 1.500 prazas para o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e propuxo ao Concello de Santiago colaborar na habilitación dun estacionamento provisional de 500 prazas mentres se executan as actuacións previstas na contorna do hospital.
O anuncio realizouse tras a reunión da comisión de seguimento do protocolo de colaboración entre ambas administracións para a ordenación e mellora da accesibilidade ao CHUS.
O proxecto enmárcase no futuro Proxecto de Interese Autonómico (PIA), que permitirá reordenar a contorna hospitalaria con novos accesos, melloras viarias, máis zonas de aparcamento e actuacións de integración urbana e paisaxística.
O novo aparcadoiro situarase entre o hospital e a avenida Mestre Mateo, contará con polo menos seis plantas e permitirá crear unhas 1.500 novas prazas.
Paralelamente, a Xunta propón habilitar un estacionamento provisional de 500 prazas en parcelas próximas ao complexo mediante un convenio co Concello.
O plan inclúe tamén a creación dunha nova glorieta na Choupana, un acceso desde o Periférico á avenida Mestre Mateo e outras conexións que buscan mellorar a mobilidade tanto de vehículos como de peóns.
Ademais, a Consellería de Sanidade aproveitará esta actuación para redefinir o crecemento do complexo hospitalario, priorizando a ampliación do Servizo de Urxencias. O novo edificio A incorporará cinco plantas destinadas a novas áreas asistenciais, entre elas quirófanos, laboratorios, endoscopias e a ampliación das propias Urxencias. A Xunta prevé licitar de inmediato a redacción do proxecto para iniciar posteriormente as obras.
Pola súa banda, o edificio C do CHUS continúa na súa fase final de execución e o Goberno galego prevé poñelo en funcionamento antes de que remate o ano, tras completar a contratación do equipamento necesario.










