O Fechiño volverá levar a creación contemporánea á Pedra que Fala e ao rural compostelán
O festival celebrará a súa quinta edición os días 2, 4 e 11 de xullo cun programa que combina patrimonio, música, poesía, tradición oral e participación veciñal

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentou este luns a quinta edición de ‘O Fechiño. Festival Rupestre e de Proximidade’, que celebrará a súa quinta edición os días 2, 4 e 11 de xullo de 2026 consolidándose como unha das iniciativas culturais máis singulares do rural compostelán. Fíxoo acompañada por Marisa Gil, da asociación A Pedra que Fala, de Fecha; e Ramón Piñeiro Almuiña, de aCentral Folque.
Organizado por aCentral Folque en colaboración coa Concellería de Capital Cultural, coa Asociación A Pedra que Fala e co tecido veciñal e asociativo das parroquias de San Xoán e Santa Cristina de Fecha, o festival propón unha maneira diferente de achegarse ao patrimonio, á paisaxe e á memoria colectiva a través da creación contemporánea.
Marisa Gil aludiu á importante implicación do territorio neste proxecto, que axuda a descubir unha zona descoñecida para moitos, cunha participación da cada vez máis ampla, e animou a gozar deste evento.
Na mesma liña, Ramón Piñeiro Almuiña, lembrou as propiedades acústicas singulares da Pedra que Fala e avogou por protexer este elemento rupestre que se erixe en motor de creación contemporánea, co ánimo de manter a memoria viva.
O proxecto do festival naceu arredor da estación rupestre da Pedra que Fala, un singular enclave arqueolóxico coñecido tamén polas súas propiedades acústicas, capaz de reflectir e amplificar os sons da súa contorna. A partir deste espazo excepcional, O Fechiño foi ampliando progresivamente os seus ámbitos de actuación ata converterse nun festival de proximidade que conecta patrimonio material e inmaterial, arte, territorio e participación comunitaria.
Programación
A programación deste ano inclúe roteiros patrimoniais, intervencións sonoras, poesía, música tradicional e contemporánea, narración oral, baile e proxectos audiovisuais desenvolvidos especificamente para o festival.
A apertura terá lugar o 2 de xullo na Cidade Histórica co roteiro poético-sonoro 'Que música serías se non foses pedra?', unha proposta creada pola poeta Alba Cid e polo artista sonoro Xoán Xil López que percorrerá diferentes espazos da cidade histórica e da contorna do Sarela.
O 4 de xullo o festival trasladarase a San Xoán de Fecha cun roteiro que conectará por primeira vez dous dos espazos máis singulares do patrimonio rupestre sonoro galego: a Pedra que Fala, en Fecha, e a Pedra Faladora, en Monzo (Trazo). A xornada completarase cun roteiro nocturno guiado polo Colectivo A Rula, referente na investigación e divulgación da arte rupestre da comarca compostelá.
A xornada principal do festival desenvolverase o 11 de xullo en Santa Cristina de Fecha. O investigador e divulgador Manuel Gago conducirá un percorrido polos principais espazos patrimoniais da parroquia, acompañado por intervencións sonoras de Mano Panforreteiro e Branca Villares. Pola tarde celebraranse actividades arredor da tradición oral, a música e o baile, incluíndo unha nova edición do Serán Diverso, iniciativa pioneira que promove a diversidade sexual, afectiva e de xénero no ámbito rural a través da cultura tradicional.
Durante esta xornada terá lugar tamén a entrega do Fechiño de Honra ás mulleres da familia “Os de Díaz de Belén”, en recoñecemento á súa contribución á memoria e á cultura local.
A programación musical pecharase coa participación de Xisco Feijóo e cos concertos de Bouba e Soán, proxecto liderado por Branca Villares que presentará unha creación realizada especificamente para esta edición do festival.











