Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

O Arquivo Histórico da USC incorpora o fondo documental do Pazo de Andeade tras unha importante doazón familiar

A entrega inclúe documentación nobiliaria dos séculos XVI ao XX, árbores xenealóxicas e un amplo traballo de investigación sobre a historia da familia Vázquez Permuy

Representantes da Universidade de Santiago e da familia Vázquez López formalizaron a doazón do fondo documental do Pazo de Andeade no Arquivo Histórico da USC
Representantes da Universidade de Santiago e da familia Vázquez López formalizaron a doazón do fondo documental do Pazo de Andeade no Arquivo Histórico da USC
Santi Alvite
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620
MCDONALDS 620X50

Os fondos documentais do Pazo de Andeade  así como o traballo de investigación realizado por Benito José Vázquez Permuy, señor do pazo, sobre a historia familiar incorpóranse dende este luns ao Arquivo Histórico da Universidade de Santiago. A doazón tivo lugar nas instalacións do propio arquivo universitario nun acto no que participaron a reitora da USC, Rosa M. Crujeiras; a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana; a directora do Arquivo Histórico, Desirée Domínguez; e María Alejandra e Raimundo José Vázquez López, fillos de Benito José Vázquez e doadores do fondo.

Este fondo familiar está conformado por documentación nobiliaria dos séculos XVIII e XIX e un debuxo dun plano da propiedade de Andeade; documentación nobiliaria dos séculos XVI ata principios do s. XX de carácter patrimonial, administrativo, xenealóxico e persoal das distintas liñaxes familiares vinculadas ao pazo de Andeade; tres árbores xenealóxicas de grande formato e o traballo de investigación realizado por Benito José Vázquez Permuy sobre a historia familiar desde as súas orixes, que contén copias de documentos de varios arquivos, fotografías e apuntamentos históricos realizados como material para un libro que non se chegou a publicar.

Para a directora do Arquivo esta documentación nobiliaria ten un notable valor para a investigación sobre a historia de varias liñaxes galegas: Andeade, casa e morgado de Leiro Grande, Casa Torre e Fortaleza de Castrobasto de Sar (Bama). Pero ademais, “coa súa custodia e posta a disposición para o seu estudo e análise, estase a contribuír á correcta preservación dun fondo documental que, sen ter chegado a nós dunha maneira íntegra, constitúe a única agrupación documental existente sobre a historia da familia”.

A doazón contén tamén documentos que testemuñan o vínculo de antepasados da familia coa Universidade de Santiago de Compostela como, por exemplo, o de Joaquín Verea y Aguiar, que ademais de xuíz da xurisdición de Budiño foi doutor en xurisprudencia, e mediante distintas proposicións (hoxe en día enmarcadas) como as de Jacobo José Aguiar y Mella, Manuel Sánchez y Núñez e Francisco Otero Porras que demostran de maneira patente o seu respectivo paso pola institución.

Finalmente, xunto ao fondo nobiliario, a doazón tamén contempla a entrega do traballo de investigación realizado por Benito Vázquez Permuy, consistente en 251 unidades de instalación que acollen a compilación documental realizada durante anos para unha publicación sobre a historia da familia que finalmente non chegou a ver a luz pero que ten interese, en todo caso, polo traballo que deixou avanzado e as fotografías ilustrativas que realizou durante o proceso.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620