O PP de Santiago esíxelle ao goberno local actuar ante os incumprimentos no Servizo de Axuda no Fogar
Os populares reclaman maior control do contrato e unha nova licitación

O Partido Popular de Santiago esixiulle ao goberno de BNG e CA que non “mire para outro lado” ante os supostos incumprimentos na execución do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e reclamou unha maior supervisión do contrato e a licitación inmediata dun novo servizo.
As concelleiras populares Yolanda Otero e Olaya Otero mantiveron unha reunión con representantes do comité de empresa do SAF, que lles trasladaron a súa preocupación e incerteza pola situación do servizo e polo deterioro das condicións laborais e da calidade asistencial.
“O goberno de BNG e CA é responsable da execución deste contrato e non pode seguir ignorando o malestar do persoal nin a redución da calidade do servizo”, sinalaron as edís.
O PP considera que o executivo local debe exercer as súas competencias de control sobre a empresa adxudicataria e garantir o cumprimento das condicións contractuais, ademais de ofrecer explicacións sobre a xestión da continuidade do servizo.
Os populares critican tamén a falta de avances na licitación do novo contrato do SAF, que actualmente se atopa en situación de prórroga, e consideran urxente a súa tramitación.
Segundo trasladaron as representantes do PP, o persoal denuncia incumprimentos nas condicións económicas, falta de persoal suficiente e problemas na cobertura de baixas e vacacións, o que estaría a afectar á prestación do servizo.
Así mesmo, apuntan á suspensión de varios servizos complementarios nas fins de semana, como fisioterapia, podoloxía ou perruquería, así como á paralización de limpezas de choque.
O PP advirte de que esta situación repercute directamente nas persoas usuarias, na súa maioría dependentes, que ven mermada a atención que teñen recoñecida.












