A obra 'Cambedo 1946' rescata en Santiago a memoria silenciada da represión na fronteira galaico-portuguesa
A montaxe combina teatro físico, música e narración corporal para lembrar a solidariedade transfronteiriza fronte ás ditaduras de Franco e Salazar

A Rede da GaliLusofonía promove en Santiago de Compostela a programación do espectáculo teatral 'Cambedo 1946', producido pola compañía portuguesa Teatro de Balugas.
A cita terá lugar hoxe sábado 27 de xuño, ás 19:00 horas na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta, cunha proposta que busca fortalecer os vínculos históricos, lingüísticos e sociais entre Galicia e Portugal a través da cultura. O acceso é libre ata completar aforo.
Con texto e dirección de Cândido Sobreiro, 'Cambedo 1946' afonda nos acontecementos sucedidos na aldea de Cambedo da Raia no ano 1946. Nese momento, a poboación foi vítima dunha violenta operación militar conxunta entre as ditaduras española e portuguesa, un episodio de represión que permaneceu historicamente silenciado durante décadas.
A obra vén de gañar o premio ao mellor espectáculo internacional nos Premios Juan Mayorga das Artes Escénicas, outorgados pola Confederación Escenamateur de España.
A través dunha coidada proposta escénica baseada no teatro físico, a narración corporal, a música e os elementos visuais, o espectáculo reconstrúe a memoria colectiva dun territorio de fronteira. A peza convida ao público a unha reflexión necesaria sobre a memoria democrática, os dereitos humanos e as relacións transfronteirizas











