Santiago reforza as axudas para menores con 100.000 euros en bolsas de apoio terapéutico e á dieta sen glute
O Concello incrementa o orzamento nun 40% e consolida unhas axudas que financian tratamentos de logopedia, psicoloxía ou atención temperá, ademais do sobrecusto por enfermidade celíaca

A Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais destinará 100.000 euros ás bolsas para sufragar gastos relacionados con medidas terapéuticas que apoien o desenvolvemento e o benestar persoal dos e das menores compostelás. Son 30.000 euros máis que na primeira convocatoria destas axudas, o ano pasado. Anunciouno a tenenta de alcaldesa, María Rozas, que explicou que estas axudas financiarán os gastos de tratamentos de logopedia, atención psicolóxica, terapia ocupacional ou atención temperá para abordar trastornos da aprendizaxe, a conduta ou a linguaxe; pero tamén o sobrecusto que supón para as persoas celíacas o mantemento dunha dieta sen glute.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais sinalou que o obxectivo do Concello de Santiago “é garantir que os e as menores reciban a atención profesional específica que precisan, de maneira temperá e coa frecuencia necesaria, algo que a día de hoxe non está garantido no sistema público”. María Rozas explicou que “a infancia e a adolescencia marcan o desenvolvemento da vida adulta, e para moitos e moitas menores é preciso un apoio específico para atender necesidades relacionadas coa aprendizaxe, a linguaxe e a comunicación, ou mesmo as altas capacidades”. Esas intervencións especializadas, salientou, “non están o suficientemente cubertas desde o público, e iso obriga a moitas familias a asumir custos moi importantes e deriva nunha situación de desigualdade de oportunidades para as máis vulnerables”.
Ademais, a tenenta de alcaldesa apuntou que a convocatoria volve incluir axudas para os e as menores afectadas pola enfermidade celíaca “porque a dieta sen glute, que é o único tratamento para a enfermidade, supón un sobrecusto duns mil euros anuais, segundo os datos da Federación de Asociacións de Persoas Celíacas”.
A concelleira insistiu en que “esta foi o ano pasado unha convocatoria moi novidosa, que existe en moi poucas cidades do Estado, e a nosa vontade é consolidar estas axudas, que oxalá non foran necesarias”. Neste sentido, María Rozas apuntou que “mentres que os tratamentos para os menores non estean garantidos para o público e mentres os alimentos sen glute non teñan un prezo xusto, o Concello de Santiago seguirá convocando estas axudas e poñéndose do lado das familias”.
Convocatoria con novidades
Nesta segunda convocatoria, a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais introduciu diferentes melloras nas bases co obxectivo de facilitar o acceso das familias ás bolsas. Xunto co incremento do orzamento desde os 70.000 euros do ano pasado aos 100.000 euros desta convocatoria, a principal novidade ten que ver coas axudas para os e as menores con enfermidade celíaca. Nesta modalidade establécese un importe fixo de 1.200 euros por menor beneficiario, e suprímese a necesidade de xustificar o gasto a través de tíckets da compra como acontecía na anterior convocatoria. Para acceder á subvención, será suficiente con acreditar a condición de persoa celíaca mediante un informe profesional, “axilizando así a resolución e tamén o pago das axudas”.
No caso das bolsas para financiar os gastos derivados do tratamento de trastornos da aprendizaxe, da linguaxe ou da conduta; de programas de estimulación temperá ou terapia ocupacional, ou da atención ás altas capacidades intelectuais; as axudas serán do 90% do gasto total realizado ata un máximo de 1.200 euros anuais. Nesta modalidade, será preciso achegar as facturas dos servizos terapéuticos para xustificar a axuda, así como o informe profesional que acredite a necesidade do tratamento.
En ambas modalidades de axudas, poderán ser beneficiarias as persoas menores de idade que estean empadroadas en Santiago, e que non superen unha renda familiar anual de 5 veces o IPREM en 12 pagas (36.000 euros anuais). O prazo para solicitar as bolsas será de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.











