Santiago reafirma o seu rexeitamento ao maltrato das persoas maiores e reclama unha protección integral
A Corporación aproba unha declaración institucional para o Día Mundial da toma de conciencia do abuso na vellez e apoia a tramitación dunha lei específica para reforzar os dereitos deste colectivo

Neste 2026 cúmprense 20 anos da proclamación do 15 de xuño como Día Mundial da toma de conciencia do abuso e o maltrato na vellez por parte da Organización Mundial da Saúde, unha conmemoración que a Asamblea Xeral de Nacións Unidas faría oficial cinco anos despois, en 2011. O obxectivo da celebración é promover a saúde, o benestar e a dignidade das persoas maiores; e sensibilizar á poboación e previr o maltrato neste grupo de idade. Este ano, a ONU elixiu como lema “Máis alá da sensibilización: lograr unha prevención eficaz do maltrato ás persoas maiores”.
Sumándose a esta iniciativa, o Concello aproba unha delcarracion institucional na que manifesta “a máis absoluta e firme condena a calquera forma de maltrato, discriminación, desatención ou abuso cometido sobre as persoas maiores, tanto no ámbito familiar e persoal como no institucional”, así como o compromiso municipal coa defensa dos dereitos e o benestar das persoas maiores e co impulso de políticas públicas dirixidas a este colectivo, en especial ás persoas maiores en situación de vulnerabilidade.
O texto deixa tamén claro “o respaldo da Corporación municipal á tramitación dunha Lei de Protección Integral contra o Maltrato ás Persoas Maiores que estableza un marco xurídico que garanta a protección efectiva das persoas maiores fronte a calquera forma de maltrato, asegure o pleno exercicio dos seus dereitos, fortaleza os sistemas de detección denuncia e apoio ás vítimas, promova programas de sensibilización e prevención, e fomente a coordinación entre as diferentes administracións para desenvolver políticas eficaces nesta materia”.










