Santiago aproba definitivamente a ordenanza do Centro para persoas sen fogar de Belvís
O regulamento prevé estadías de entre seis meses e dous anos e establece un modelo de atención integral centrado na autonomía e inclusión das persoas usuarias

O Pleno aprobou a Ordenanza reguladora do Centro para persoas sen fogar de Belvís de forma definitiva, tras a aprobación inicial de marzo, cos votos a favor do goberno, PSOE e concelleiras e concelleiro non adscritas e coa abstención do PP. Esta norma prevé que as persoas usuarias permanezan no centro un tempo estimado de entre seis meses e dous anos, se ben este prazo podería ser ampliado se así o considera o equipo técnico co obxectivo de garantir a recuperación integral e a inclusión das persoas sen fogar.
Nese sentido, o centro funcionará cun modelo de “Atención Integral Centrada na Persoa”, un enfoque profesional que se fundamenta nos principios da autodeterminación, a dignidade, a autonomía e o empoderamento da persoa usuaria. Seguindo ese modelo, durante a estadía establécense tres fases de intervención coas persoas usuarias: unha primeira de avaliación inicial na que se identificarán as necesidades concretas da persoa usuaria e se definirán os itinerarios de traballo con ela; unha segunda fase de intervención e acompañamento; e unha terceira fase de inserción e autonomía na que se procurará a transición da persoa cara unha vida autónoma, reducindo a súa dependencia do propio centro. O regulamento define tamén cuestións como a organización do centro, as condicións de acceso, e tamén o réxime de infraccións e sancións do equipamento.
En Santiago son atendidas unha media de 20 persoas diarias en situación de senfogarismo, un total de 400 persoas ao longo de 2025. Compostela non é unha excepción, porque no conxunto de Galicia os datos falan de máis de 2.400 persoas sen fogar e no conxunto do Estado superan as 28.500. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, xa amosara o seu convencemento de que “o Centro de Belvís será un antes e un despois na atención a este colectivo, e Santiago demostrará unha vez máis que é cidade de acollida”.











